Horacio Albo: «É moi bonito atopar xente que vén de toda a vida á tenda. Enorgullece!»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Horacio Albo coa súa nai Fina, nunha das catro tendas físicas de Albo Zapaterías, na actualidade
Horacio Albo coa súa nai Fina, nunha das catro tendas físicas de Albo Zapaterías, na actualidade Pepa Losada

Neste 2020 cumpriu 65 anos o negocio de calzado iniciado por seu pai, Horacio Albo, en Viveiro

26 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano Albo, negocio veterán en Viveiro que suma catro tendas físicas (Albo Zapaterías, Calzados Albo, 55 Sneakers e Albo Factory Store) e a online (Albo Shop Online, cunhas 5.000 referencias) recibía o Premio Comercio Provincial 2019: «Foi unha noticia que recolléramos con moita ilusión -lembra o actual xerente Horacio Albo, quen continuou co legado familiar e conta con formación en Comercio Exterior-. Valoramos moito que nos recoñeceran a adaptación ao presente e á nova realidade comercial, polas nosas accións innovadoras, a fidelización e un servizo máis personalizado, que valora moito ao cliente, pola transformación dixital... Pasos que se foron dando nos últimos anos. Non foi só porque pase o tempo e os comercios sigan aí.... Teñen que estar en constante renovación e adaptación. E nestes 65 anos houbo unha gran evolución».

-Especialmente este ano! Como ve o gran reto debido ao covid?

-Para darnos conta dunha serie de necesidades que xa están aí. É un ano totalmente atípico; ninguén ía pensar que ía vir unha pandemia mundial que nos ía meter nas casas e limitar a nosa mobilidade... Pero chegou! Mantéñome optimista, penso que non vai ser algo permanente e que pasará. Pero agora, o comercio e outros sectores teñen que pasar este bache. Os negocios que levamos feito un camiño no dixital temos unha ferramenta máis que podemos utilizar neste momento; é moi importante ter presenza online e nas redes sociais. Unha mecánica de traballo nese sentido fai máis fácil capear este tempo. E hai que seguir evolucionando. Igual que cambias decoracións, mimas produtos, no dixital tamén hai que estar renovándose e mirar os mercados para alcanzar a máis xente, ver a maneira de posicionarnos. Coa nosa tenda online levamos unha década na que pasaron moitas cousas. En principio, non estaba pensada para un mercado de proximidade, porque para iso xa temos as nosas tendas físicas, senón máis ben para chegar onde non chegabamos como Andalucía, Cataluña, Francia, Alemaña... E co covid cambiou todo. Agora si se utiliza tamén na proximidade; colleu máis impacto e repunte na zona, en consultas e ventas dentro da propia comarca, incluso habendo os peches perimetrais.

CEDIDA POR HORACIO ALBO

-Que lembra da tenda de neno?

-Nacín entre paredes de caixas e estanterías. Lembro xogar alí. É un comercio moi vivido dende sempre, que levas dentro e está na túa xenética. Cando me incorporei en 1997, a adaptación ao mercado laboral foi superfluída.

-Cal foi a orixe de Albo?

-De moi novo, meu pai, Horacio Albo Soto, colleu o traspaso dunha zapatería en Margarita Pardo de Cela (xa meu avó fora zoqueiro). Meu pai era un gran comerciante, moi pioneiro e moi innovador. Cando casou con miña nai (Fina) no 1969, ela incorporouse ela (o ano pasado fixo 50 anos en activo... unha traxectoria incrible!). Miña avoa tamén tivera tenda e miña irmá Mónica leva tamén comercio na xenética. Miña nai é quen me transmite os coñecementos de a pé; a experiencia é fundamental. Tamén se incorporou a miña muller cando casamos, e xa leva aquí 20 anos.

CEDIDA POR HORACIO ALBO

-Máis proxectos para o futuro?

-Seguir potenciando o que facemos: traballar nas redes sociais e o trato cercano. Tanto na tenda física como na online (ainda que a venta por Internet pareza máis fría) o trato sempre é personalizado, coñecemos moi ben aos nosos clientes. O que fai que fidelicemos xente é conseguir que se sintan cómodos. Aparte, é moi bonito atoparte con xente que vén de toda a vida á tenda. Enorgullece moito porque valoran o traballo que fai todo o equipo. A parte que máis me gusta do meu traballo é a cercanía coa xente.

CEDIDA POR HORACIO ALBO

-Unha mensaxe para 2021.

-En 65 anos houbo momentos mellores, momentos peores... pero penso que isto vai pasar. Estamos xuntos e estase a facer un esforzo mundial. Temos que remar todos na mesma dirección.