Compromiso da Xunta para oficializar o Camiño do Mar

s. c. VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Manuel e María, unha parella de peregrinos que completou recentemente o Camiño do Mar desde Viveiro, que atravesa a Porta de Carlos V, en imaxe
Manuel e María, unha parella de peregrinos que completou recentemente o Camiño do Mar desde Viveiro, que atravesa a Porta de Carlos V, en imaxe PEPA LOSADA

Sumaríase unha nova ruta xacobea, de axuda para o comercio e a hostelería

23 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Viveiro obtivo onte o compromiso por parte de Xunta de axilizar os trámites necesarios para oficializar o Camiño do Mar. Onte a directora xeral de Patrimonio Cultural a Xunta, María del Carmen Martínez Insua, mantivo unha reunión telemática coa alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro, e os concelleiros Jesús Fernández, tenente de alcalde, e María Soledad Rey Yáñez, concelleira de Turismo. Tamén participou Manuel Vicente González, presidente da Asociación Camiño do Mar.

O obxectivo da reunión era coñecer o estado da tramitación e a disposición de levar a cabo a oficialización do Camiño do Mar no próximo ano Xacobeo 2021. Sendo competencia da Xunta de Galicia o referido recoñecemento oficial, dez anos despois da súa aprobación polo Parlamento, a directora xeral de Patrimonio Cultural comprometeuse a estudar o caso e a darlle celeridade para a posible oficialización.

Manuel Vicente González, presidente da Asociación Camiño do Mar, enviaralle de novo toda a documentación para axilizar o recoñecemento oficial neste vindeiro Ano Xacobeo, que suporá un impulso á comarca, e en particular a sectores como a hostalería e o comercio, tan necesitados de estímulos.