Comunicado da xunta directiva do Centro Comercial Histórico de Viveiro pola súa dimisión

A xunta directiva saínte do CCHV.

VIVEIRO

PEPA LOSADA

O motivo é a organización paralela por un grupo de socios, sen o consentimento da directiva, dunha das campañas máis importantes do ano, o Shopping Weekend

20 nov 2020 . Actualizado a las 11:21 h.

A directiva do Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) anuncia a demisión irrevocable dos seis integrantes da xunta presidida por Dolores Pérez Santos. A demisión en bloque farase efectiva a partir do día 1 de decembro. O prazo para a presentación de candidaturas -cunha duración de sete días- está aberto.

   O motivo da demisión é a organización paralela por un grupo de socios, sen o consentimento da directiva, dunha das campañas máis importantes do ano, o Shopping Weekend, nos días 6 e 7 de novembro, recén decretado o peche perimetral e da hostalería no concello de Viveiro, cunha situación epidemiolóxica de alerta vermella.

   A directiva saínte explica que, ante a falta dunha lexislación ad hoc sobre este tipo de eventos, consultou coas autoridades competentes a súa celebración, recibindo a recomendación de non celebrar a campaña. Deste xeito, tomou a decisión de pospoñela a un momento máis propicio ao non considerala pertinente no mencionado contexto sanitario, entendendo que había que cumprir coa necesidade de evitar colas e aglomeracións á entrada dos negocios.

   A xunta directiva resalta que o comercio local é sen dúbida seguro, pero en circunstancias excepcionais e ante a habitual afluencia de persoas nesa fin de semana para mercar e beneficiarse dos descontos, está por diante a salvagarda da saúde dos comerciantes, dos traballadores e da veciñanza.

   Por outra banda, a dirección considerou tamén que a decisión tomada por criterios sanitarios estaba apoiada por razóns de índole económica, dado que o Shopping Weekend atrae cada ano a clientes non só de Viveiro, senón de toda A Mariña Lucense e tamén da comarca de Ortegal. A directiva dubida da rendabilidade da campaña nese momento ante a imposibilidade de que clientes de fóra do municipio poidesen desprazarse ao casco histórico.

   Neste contexto, un grupo de socios decidiu organizar en paralelo a mencionada campaña, sumándose un total de 30 dos 103 comercios asociados. Así, a directiva saínte entende que se puxo en cuestión non só unha decisión que cre meditada e responsable en atención ao interese xeral, senón tamén o seu traballo a prol do comercio do casco histórico de Viveiro.

   Con respecto á campaña de Nadal, a directiva saínte aclara que comezou a traballar o pasado mes de setembro na organización da mesma, quedando aprobada a maioría das iniciativas na acta da reunión ordinaria da xunta do 7 de outubro. Quedan aprobadas a compra e reparto dos abetos, unha acción vinculada á entrega de cartas dos nenos a Papá Noel adaptada ao escenario actual da Covid-19 e a realización dunha ruleta de premios, así como a colocación da árbore de luz en exteriores. A celebración do sorteo dos soldos queda vinculada á decisión que tome a directiva entrante, xa que depende das medidas sanitarias vixentes nese momento.

   Desde a directiva saínte remarcan a complexidade de dirixir unha asociación coma o CCHV nun momento coma o actual, cunha situación sanitaria que pon en risco as nosas vidas e marca o ritmo das actividades socioeconómicas, provocando constantes cambios na normativa e dificultando a toma de decisións por parte das agrupacións.

   A xunta directiva conclúe que agora máis ca nunca é preciso o apoio dos asociados e a unión do comercio local, polo que considera especialmente grave a situación relatada.