«Choca que xa poda haber vodas de 150 persoas, pero a Banda non poda ensaiar»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Piano e clarinete. Fotograma da gravación da peza «Pie Jesu Réquiem», coa que Carlos Timiraos e Plácido Travieso, profesor no Conservatorio de Música de Viveiro, renden homenaxe ás vítimas do covid-19
Piano e clarinete. Fotograma da gravación da peza «Pie Jesu Réquiem», coa que Carlos Timiraos e Plácido Travieso, profesor no Conservatorio de Música de Viveiro, renden homenaxe ás vítimas do covid-19 CEDIDA

A Banda Municipal de Música de Viveiro, que dirixe Carlos Timiraos, non pode xuntar aínda a máis de 12 músicos polas restricións do covid-19

09 jun 2020 . Actualizado a las 07:07 h.

«Musicalmente seguimos confinados», bromea Carlos Timiraos Timiraos, director da Banda de Música O Landro de Viveiro, que ve con perplexidade algunhas das contradicións que se están a producir na desescalada do estado de alarma polo coronavirus. Este luns Galicia entrou na terceira fase, pero as bandas de música, ao igual que ocorre coas orquestras, aínda non aprezan demasiados cambios a mellor de cara ao reinicio da súa actividade. «Choca que neste momento xa poda haber vodas de 150 invitados, pero a Banda non poda ensaiar de maneira presencial», comenta o músico viveirense, que engade: «Esta ‘nova normalidade’ da que se fala agora para a cultura é complexa». Comenta que, en función do tamaño das salas de ensaio que o Conservatorio de Música Profesional de Viveiro cede á banda, só se poderán xuntar por agora un máximo de 12 músicos dos ao redor de 60 que integran a formación. Ademais, as medidas de protección e hixiene para previr contaxios de coronavirus tamén dificultarán os ensaios. «Coas mascarillas non se pode tocar un instrumento de vento, é algo inviable», explica o director.

A banda investiu fondos para que cada músico poda dispoñer dun kit de protección para cando se podan retomar os ensaios presenciais en grupo, aínda que polo de agora non hai data. «Temos a ilusión de que na terceira fase podamos facer algo, pero tamén dependemos de que o Concello de Viveiro nos dea a luz verde, que tamén está tomando as súas medidas. E aínda que nos deixen empezar, vai ser difícil», continúa.

Patroais canceladas

Coas patroais de agosto de San Roque canceladas, cando sempre ofrecía un concerto, e boa parte dos festexos patroais de Galicia en suspenso pola pandemia do covid-19, Timiraos ve complicado que no que resta do 2020 a Banda de Música Viveiro poda celebrar concertos e pasarrúas presenciais, como todos os anos. «Non son moi optimista niso», indica. De aí que a formación estea a traballar xa nun novo proxecto co que leva algún tempo en mente: a gravación dun cedé que recolla «o repertorio que leva sonando toda a vida na Semana Santa». O obxectivo é preparalo no que falta de ano para que estea listo para a semana de Pascua do 2021.

Unha peza dedicada ás vítimas do coronavirus

Carlos Timiraos, que toca o clarinete, e Plácido Travieso, profesor de piano no Conservatorio de Música Profesional de Viveiro, quixeron render unha homenaxe especial en forma de música a todas as persoas que faleceron por coronavirus ou que se viron afectadas polo mal. Nas xornadas finais do confinamento, os dous músicos gravaron vía telemática a peza Pie Jesu Réquiem, composta polo músico francés Gabriel Fauré (1845-1924). «Gravar con Plácido Travieso foi unha experiencia fantástica. Xa tocara o piano coa banda nun concerto dentro do programa Adral da Semana Santa», sinala o clarinetista.

A banda e Tempus Fugit estrenarán un himno eucarístico polo Corpus este domingo en Youtube

A Banda de Música O Landro, de Viveiro, ten previsto estrear o próximo domingo, 14 de xuño, no seu canal de Youtube unha peza composta no ano 1961 por Antonio Amigo con motivo do Congreso Eucarístico que se celebrou en Viveiro ese ano. Esta versión do Himno do Congreso Eucarístico, na que tamén colabora o músico Rodrigo Rodríguez, incluirá o son das campás da igrexa parroquial de Santa María. A gravación foi realizada de maneira telemática, unindo as gravacións que realizaron os ao redor de sesenta compoñentes da formación de xeito individual desde as súas casas. Na peza tamén colabora o coro Tempus Fugit. «Como este ano tampouco se celebra o Corpus, quixemos facer algo especial para ese día dando pinceladas a este confinamento», sorrí Timiraos.

«Non son moi optimista en canto a que este ano podamos facer concertos presenciais»

«No que resta de ano imos gravar un cedé co repertorio que leva soando toda a vida na Semana Santa»