Viveiro celebrará na súa web e nas redes o Día das Letras Galegas

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

15 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Viveiro, a través da Concellaría de Cultura, deu a coñecer a programación organizada para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

As circunstancias actuais obrigaron a modificar as actividades previstas, entre as que se incluía a obra teatral ‘As pitas baixo a choiva’, para o público infantil, baseada no relato homónimo do autor. O Concello de Viveiro non quixo deixar pasar o Día das Letras Galegas sen ofrecer unha programación deseñada co obxectivo de dar a coñecer ao autor homenaxeado.

Onte publicábase nas redes sociais do concello o cartel conmemorativo cunha frase destacada de Carvalho Calero. As actividades comezarán o domingo e prolongaranse durante tres xornadas, nas que diferentes personaxes da vida cultural de Viveiro lle farán unha homenaxe. Na mañá do domingo 17 de maio, na web e redes sociais do concello publicarase un vídeo, cun conto de Raquel Queizás, realizado para os nenos e nenas de Viveiro.

Tamén se porá en marcha a outra iniciativa deseñada para os máis pequenos, mediante a que se pretende coñecer as súas palabras favoritas en lingua galega e encher a rede de palabras fermosas, baixo o hashtag #viveirocoasletras. O domingo pola tarde publicarase un video, no que David Catá realizará unha adaptación do Himno Galego. O luns subirase un vídeo no que o Cronista Oficial de Viveiro, Carlos Nuevo, realizará unha achega á vida de Carvalho Calero; ese mesmo día, pola tarde, publicarase outro vídeo do músico David Bellas interpretando unha peza.