Anthía Suárez, alumna do Conservatorio de Viveiro: «Estou un pouco nerviosa por estrear a miña primeira composición»

y. garcía VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

Será este xoves día 12 no concerto do Coro do Conservatorio en Viveiro (Concepcionistas, 20.30) que abre o programa Adral en Viveiro

12 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A moza estudante do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro Anthía Suárez Pernas (Espasante-Ortigueira, 2000) enfróntase este xoves a un reto: estrear a súa primeira composición musical. A peza, chamada «Kirie», vai formar parte do repertorio do concerto do Coro do Conservatorio que abre o programa de difusión cultural da Semana Santa Adral, promovido pola Xunta de Cofradías de Viveiro.

-Como están os nervios?

-Estou un pouco nerviosa por estrear a miña primeira composición; tamén porque entre vacacións, pontes e festivos tivemos tempo limitado para ensaiar. Pero tanto o profesor de Composición Ángel Soto como o director do coro Antonio J. Álvarez Neira axudáronme moito.

-Non hai moitas mulleres e menos tan novas que compoñan.

-A composición sempre me gustou, ainda que tamén fago profesional de gaita (este ano acabo no Conservatorio de Viveiro). Esta obra resultou inspirándome no clásico e tamén no máis típico en Viveiro, como é a Semana Santa. O «Kirie» é unha parte da misa. E... si, hai poucas mulleres en composición.

-Imaxinando que facer música sacra non debe ser doado, que quixo reflectir con «Kirie»?

-Inspireime no ambiente de recollemento e de solemnidade da Semana Santa, no traballo dos integrantes das cofradías. Fixen a parte musical, empecei facendo a melodía e funa desenrolando. Ao estar estudando tampouco puiden dedicarme todos os días, pero uns dous meses levoume compoñela. A parte que máis tempo leva son os retoques e o traballo co coro. Foron pequenos detalles, que ainda que soaran ben no programa de ordenador, houbo que adaptar a peza á voz e ao nivel da xente do coro.

-Dálle folgos esta «ópera prima» para seguir compoñendo?

-Si que me anima! Xa nas primeiras veces que o coro a cantou, o ánimo que che dan é unha sensación boísima. Dicíndoche que ‘está xenial’ xa te están premiando, tanto xente maior xa rodada no mundo musical coma xente que esta empezando coma min.

-Pertence a algunha cofradía?

-Sí, á da Misericordia do Ecce Homo. Empecei nela tocando a gatia, pasei a ser fachón e dende o ano pasado son portadora. Axudar e sentirnos que somos unha piña faiche sentir ben.

-Ademais, este do coro é o primeiro concerto que abre o Adral.

-E con motivo de algunhas excursións de rapaces, andiveron movendo o programa para que eu poidera estrear a obra. Iso dáche ainda mais presión!

A autora dedica a obra á Xunta de Cofradías da Semana Santa por organizar o Adral

O Coro do Conservatorio está formado por 47 voces. O concerto co que se inaugurará o programa Adral conta cunha parte relixiosa pero tamén por outra composta por temas de música pop de Bruno Mars, The Beatles, Zahara, etcétera... con Ana Mateos, Claudia Casal e Josemi Saras como solistas, Joel Crespo ao piano e Antía Dovale á guitarra. Anthía Suárez dedica a obra a estrear, «Kirie», á Xunta de Cofradías. Para o profesor de Composición Ángel Soto, «conxuga todos os elementos necesarios para emocionar ao público», que ten unha cita nas Concepcionistas.