«Foi un soño tocar no Auditorio Nacional coa Orquesta de Extremadura e Ainhoa Arteta»

«Con dedicación e esforzo é posible facer realidade unha vocación pola música, ou outra», suliña o viveirense Adan Gómez

Adan Gómez nun concerto coa Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia
Adan Gómez nun concerto coa Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia

viveiro / la voz

Quen o coñece sabe que pode dálo todo por intentar acadar o que se propón, se lle interesa e o motive. Ao mesmo tempo que cursaba primaria no colexio Landro e secundaria e bacharelato no IES María Sarmiento, estudaba música e trombón de varas no Conservatorio de Viveiro. A un ano de rematar a súa formación no Conservatorio Superior de Música da Coruña, Adan Gómez Domínguez (Viveiro, 1999), está pletórico tras experimentar «a que ata o de agora é a maior experiencia da miña vida, tocar no Auditorio Nacional cunha orquestra profesional e Ainhoa Arteta».

-Cando e por que empeza a estudar música?

-Con oito anos, no Conservatorio de Viveiro, porque na miña familia hai tradición musical, moitos tocan instrumentos e a min atraíame o trombón de varas.

-Como compaxina os estudos ordinarios cos musicais?

-É complicado. Corría máis da miña conta estudar unha ensinanza artística, en vez de que me axudaran, como poden facer con calquera outra carreira. Supostamente convalídanse materias e eses horarios podemos dedícalos nosa disciplina, pero danche unha hora semanal para un instrumento que require máis tempo que o propio instituto.

-A que cree que se debe?

-Non toman a música coma un estudo máis, coma unha posible carreira, senón coma unha afección. Moitas veces tiven que escoitar iso de «a que te dedicas?». Cando respondía «son músico e vou a estudar música», insistían: «Non, non, pero a que te dedicas ti de verdade?».

-Para vostede non so é afección?

-Para min é moito máis, unha vocación á que me entrego con dedicación, esforzo e constancia. «Maxicamente» rematei o bacharelato en tempo e forma e, ese mesmo ano, aprobei o acceso ao Conservatorio Superior da Coruña. Aí empecei no 2017.

-Centrado na súa vocación...

-...con un alivio moi grande de poder estudar ao fin o que quería. Foi unha sensación brutal despois do estrés de ter que sacar boas notas na música e aprobar no instituto. Todo un curso empezando ás oito da mañá no instituto e, a veces, durmir dúas horas para preparar o do conservatorio.

-Ademais de estudar, está en orquestras? Actúa en concertos?

-No primeiro ano logrei entrar na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, como integrante reserva. O primeiro concerto con esa orquestra foi en abril do ano pasado. Para min un soño cumprido: tocar no Pazo da Ópera da Coruña con esa formación. Aos dous anos superei de novo as probas de acceso. Desde o ano pasado estou integrado na Orquesta Joven de Extremadura, coa que participei en múltiples concertos e en cinco encontros.

Adan Gómez con Ainhoa Arteta, despois de tocar coa Orquesta de Extremadura no concerto benéfico a favor da ELA que organizou Fundación Luzón  no Auditorio Nacional, en Madrid
Adan Gómez con Ainhoa Arteta, despois de tocar coa Orquesta de Extremadura no concerto benéfico a favor da ELA que organizou Fundación Luzón no Auditorio Nacional, en Madrid

-Seica a semana pasada viviu un momento moi especial.

-Certo, ata agora a maior experiencia da miña vida, cando cumprín outros dous soños. No mesmo día toquei no Auditorio Nacional de Música, en Madrid, e nunha formación profesional, a Orquesta de Extremadura, dirixida por Andrés Salado, director titular da Orquesta Joven de Extremadura. Organizado pola Fundación Luzón, foi o 18 de febreiro, con Aionha Arteta de solista, nun concerto benéfico en apoio da ELA (esclerose lateral amiotrófica). No público estaban a Raíña Sofía, que saudou aos membros da orquestra e se fotografou con nós, ministros e outras moitas personalidades.

-E a partir de agora?

-Continuarei os estudos. Se todo vai ben, conto rematar o vindeiro curso. A miña seguinte meta é ser músico sinfónico, traballar nunha orquestra profesional. Cos pés no chan, sei que é complicado, porque o nivel de esixencia é moi alto e hai moitos aspirantes. Aínda así, non me desanima en absoluto porque, como ata agora, creo no que quero facer e estou disposto a esforzarme ao máximo para poder dedicarme ao que realmente desexo, ao que me gusta e me motiva.

-Quere engadir algo?

-Si. Gustaríame animar a toda a xente que queira estudar artes a non decaer, a esforzarse e pelexar, por moitos impedimentos que atopen. Na música, noutras artes ou en calquera outra vocación da túa vida, se realmente é o que che gusta, é posible facela realidade con esforzo, loitando e entregándote polos teus soños.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

«Foi un soño tocar no Auditorio Nacional coa Orquesta de Extremadura e Ainhoa Arteta»