Xiana Lastra, vocalista e manager de A Banda da Loba: «Levo anos en diferentes grupos pero nunca fora a Viveiro ainda a actuar»

y. garcia VIVEIRO/LA VOZ

VIVEIRO

PACO RODRÍGUEZ

A formación feminina presenta este venres «Fábrica de luz» no Teatro Pastor Díaz en Viveiro

26 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Autodefinición: «Música con ‘m’ de muller nun paraugas de caleidoscopio musical». A Banda da Loba virá a Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 20.30 horas) este venres 28 presentando segundo traballo, Fábrica de luz, tralo éxito do primeiro, Bailando as rúas. Son cinco mulleres, con Xiana Lastra (As Pontes, 1983) de pai pontenovés, na voz, Estela Rodríguez ao violín, Andrea Porto no baixo, Inés Mirás nas guitarras e Marcela Porto na percusión.

—A Banda da Loba xa actuou na Mariña en varias ocasións.

—Actuamos en Eido Dourado en Barreiros e en Ribadeo.

—En Viveiro, será a primeira vez?

—Si, e tamén para min. Levo anos en diferentes grupos pero nunca fora a Viveiro ainda a actuar.

—Como está a responder a xente a este novo traballo discográfico?

—Ao primeiro dábanos un pouco de medo porque nos foi moi ben co primeiro disco, con Bailando as rúas. Sempre que che vai moi ben cun primeiro traballo tes algo así como un pouco de medo no corpo que co segundo non vaia igual de ben. Intentas, dalgún xeito, manterte máis que medrar. Pero como xa levamos varios concertos de «Fábrica de luz», o medo xa o abandonamos. De momento, todos os concertos que dimos foron moi ben. A xente tivo moi boa resposta. Gusta moito este disco. Tamén a nós, a verdade. Estamos moi contentas.

—A medida que o dan a coñecer, van cambiando ou explorando?

—Si. O directo sempre é o máis enriquecedor. Cando pasas do estudo a velo plasmado no disco faste unha idea de como soa, pero despois para saber se un espectáculo realmente funciona ben ou non sempre tes que esperar aos directos. Por suposto, é un espectáculo vivo que vai cambiando e ainda que ten un esquema básico en función do sitio no que te atopes sempre hai algunhas diferenzas, según a interacción que teñas co público. Sempre hai moitos factores. Polo que dis de seguir creando, tamén. A Banda da Loba é, dende o comezo, unha banda que se inspira moito no que nos pasa, no día a día, no que nos preocupa. E sempre vai seguir esa liña.

—Polo tanto, que é o que lle preocupa a A Banda da Loba?

—Falamos de memoria, de diversidade, feminismo, igualdade, ecoloxismo... Eu tamén fixen unha canción sobre miña nai, que morreu hai tres anos.

—Foi coma unha homenaxe a ela?

—Si, claro. Miña nai é unha persoa que no eido musical e profesional sempre me apoiou moito, gustáballe vir aos concertos. A Banda da Loba veuna unha vez, nunha homenaxe que fixeramos en Ferrol a Agustín Fernández Paz. Tiñamos preparadas varias cancións. Foi a única vez que nos veu. Despois ela xa morreu en marzo e sacamos o disco a final de ano. Xa tiña claro dende o principio que me gustaría facerlle unha canción en homenaxe a ela... e a todas as nais porque para todas son especiais as nosas nais, non? Para min, a miña tamén. Gustábame facerlle unha canción en forma de homenaxe. Como daquela foi algo que estaba moi próximo no tempo, era moi latente, fíxeno para este disco. O tema é Corazóns de xiz.

—Cada unha de vós, ten outras dedicacións aparte do grupo?

—Si, traballamos noutras cousas, por iso é tan difícil... Sempre digo que che ten que gustar moito a música, enganchar, porque compaxinar a vida laboral de cada unha con esa parte é complicado. A xente traballa e os días de descanso son para tocar. Eu teño varios oficios. Traballo nunha asociación pedagóxica polas mañás (Nova Escola Galega) e teño unha produtora audiovisual e musical, Seispés Producións Creativas, por iso son a manager de A Banda da Loba pero tamén me dedico a ser manager doutros grupos: agora mesmo de Monoulious DOP, MJ Pérez, Grilo, Xiao Berlai e ata hai pouquiño levaba tamén as Tanxugueiras que agora son máis coñecidas.

—Como ve o panorama musical en Galicia na actualidade?

—Sempre houbo moitos grupos de gran calidade e sen haber os apoios que se necesitan. Nese sentido, creo que non cambiou moito. Agora, si que é certo que hai un punto de visibilidade, estase promovendo máis e a xente está volvendo aos concertos.

—Agardamos un concerto especial no Teatro en Viveiro que, por certo, está de centenario.

—Tocar no teatro sempre é moi agradecido, pola acústica. Son os sitios que mellor soan. Ademais, teñen moita historia os teatros.