O Día de Rosalía na Mariña: un luns para lembrarla e máis citas


viveiro/la voz

Cada ano, o Día de Rosalía toma unha forma distinta no Concello de Viveiro, que agasalla de «mil maneiras» aos socios da Biblioteca Pública Municipal para que non se esquezan da nosa autora máis universal o resto do ano. Se en 2018 fora colocado un vinilo coa súa silueta e algúns versos da autora no centro cultural e no 2019 os peóns se atoparon cos seus poemas escritos no chan ao cruzar polos pasos de cebra, neste 2020 o novo agasallo «rosaliano» foi en forma de bolsa conmemorativa para os usuarios da biblioteca que se achegaron á mesma para coller un libro en préstamo, pero tamén para aqueles que nunha data tan tremendamente sinalada para as letras galegas decidiron facerse socio e desa maneira impulsar a súa labor.

Entregáronse, en unidades limitadas ata o fin das existencias, ao longo do día de onte para festexar os 184 anos do nacemento da autora, a través da delegación municipal de Cultura.

«A nosa estrela»

Foi a frase escollida para imprimir nestas bolsas conmemorativas. Dende o Concello de Viveiro animaron a todos a participar da iniciativa.

Unha obra infantil chegará a San Cibrao o 8 de marzo

8 de marzo • 19.00 horas • Casa da Cultura • A celebración do Día de Rosalía non vai a quedar reducido ao 24 de febreiro, pois dende o Concello de Cervo adiantaron a proposta «rosaliana» dirixida a nenas e nenos de Primaria que fan coincidir nesta ocasión cunha data moi relevante: o Día da Muller. Así pois, unha obra de teatro de nome «Rosalía» servirá para achegarlles a súa vida e obra á vez que é un «espectáculo necesario», indican dende o ente municipal, para as xeracións máis novas. A representación teatral está dirixida por Fina Calleja e protagonizada por Cris Collazo e Rocío González. A entrada o vindeiro 8 de marzo en San Cibrao erá libre.

En Foz, exposición sobre a «estrela Rosalía» e lectura de poemas da escritora

Ata o 3 de marzo?•?Biblioteca Salgado Toimil de Foz?•?Ata a vindeira semana está aberta na biblioteca focense a exposición que lembra a todos que xa hai unha antiga estrela no firmamento chamada Rosalía (HD 149 143) e un planeta bautizado Río Sar (HD 149 143). Son paneis informativos deses obxectos celestes que conmemoran o nacemento da escritora. A maiores, a concellería de Normalización Lingüística do Concello de Foz tamén se sumaba onte á iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, convidando a todos o Cenima pola tarde a unha lectura colectiva de poemas de Rosalía.

En Alfoz, outra mostra e tamén obradoiro infantil

En Alfoz, as áreas de Cultura e Igualdade sumaron no Día de Rosalía para ofrecer aos veciños a exposición titulada «Rosa, rosa... Rosalía» sobre a vida e obra da autora e «poñendo en valor a figura da poetisa como referente de muller pioneira do feminismo na literatura». Tamén os máis pequenos participaron nun obradoiro facendo un mural xigante en 3D, entre outros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Día de Rosalía na Mariña: un luns para lembrarla e máis citas