O mago Kiko Carrolo: «Son mago todoterreno; traballo con cordas, baralla, mentalismo...»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia VIVEIRO/LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

O Teatro Pastor Díaz de Viveiro recibe este sábado (18.30) a este profesional da maxia, disposto a entreter ao público familiar

01 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que digo «truco» corríxeme: «Efecto». Procuro facer o cambio linguístico... pero non é doado. Kiko Carrolo (Viveiro, 1980) ensíname logo, en vivo e en directo, un dos efectos seus que como mago aprendeu. Cunha simple baralla de póker recibe o abraio total por resposta. E así agarda que reaccione tamén o público no espectáculo de maxia familiar que vai dar en Viveiro este primeiro de febreiro (18.30, Teatro Pastor Díaz).

—Dende cando é profesional do mundo da maxia?

—A miña profesión é bombeiro. Como mago son autónomo dende o ano pasado, pero a afección téñoa dende moi novo. Para min ser profesional significa ser alguén que o fai ben, non simplemente por pagar unha cuota.

—Sabe o significado de Carrolo?

—Sabemos que é unha palabra gallega pero non está claro o significado. Uns din que é unha árbore moi forte, outros que é unha parte do corpo... Non se sabe. Chámome Kiko Pigueiras, pero coñécenme por Kiko Carrolo.

—Con que ánimo ofrece a función?

—Co de entreter moito á xente e que haxa moita interacción co público. Sobre todo é entretido, cómico e tamén con sorpresa.

—Xa o ten feito máis veces?

—Si, só que agora, no Teatro, loce máis... claro!

—Coincide co centenario.

—Si! É verdade! Coincidiu.

—Non faga desaparecer o teatro.

—(Ri) Bueno, algunhas veces fago «desaparecer» cousas. Son mago todoterreno. Traballo con cordas, con baralla, mentalismo, flotación de aparatos, transposición de cousas, etcétera. Chámase maxia xe

neral.

—Onde ou de quen aprendeu?

—Son autodidacta. Acordo cando Internet estaba empezando, estaba en pañais... sería polos anos 95 e 96. Ía á Porta da Vila, a libraría, e preguntaba se había algún libro de maxia. Aquí non tiñan, como moito un de xogos no que detrás virían dúas follas sobre maxia. Funme facendo coas editoriais, chamándoas para pedir libros máis especializados, ou contactabas con algunha asociación en Lugo ou A Coruña e chamabas. Sendo un chaval, en Viveiro, non tiña opción a ir alá para aprender ao non ter coche. Non é coma hoxe, que as tendas o que queren é vender. Sen embargo, valoro máis a aquel ao que lle gusta e que o traballe un pouco. Eu sempre tiven curiosidade por facer algo diferente, sempre me gustou intentar sorprender á xente. Foi pouco a pouco, aprendendo primeiro con libros, despois con vídeos e actuando, que é como máis se aprende a maxia. Para min o máis difícil da maxia é saber cal é o teu estilo, sabes? E iso apréndese actuando, ata que ao final che sae solo.

—Facelo con naturalidade.

—Claro. Tamén digo que a tele fixo moito dano, no sentido en que a veces minten e nun número graban, cortan, empatan... É coma unha película, un corta e pega. Para min, fai dano á maxia. Eu busco moito máis a interacción co público.

—E como reacciona? Porque tampouco é doado estar de espectador e subir ao escenario...

—Sempre moi ben! Eso fai moita graza a outra xente. Sobre todo o público que máis me gusta é o dos nenos, porque levanta un a man e levántana todos. Queren saír todos! A min, por exemplo, o escenario cárgame as pilas, como que medro.

Reserva de 40 entradas para a billeteira o día da función

As 350 entradas que se puxeron en venta anticipada para o espectáculo de Kiko Carrolo vendéronse, pero reservouse unha remesa de corenta para a venta na billeteira do Pastor Díaz este mesmo mismo día da función. Estará aberta dende as 17.30 sendo a apertura de portas ás 18.00. O espectáculo, dado que se centra na maxia familiar, está dirixido a todos os públicos.