«Agora estamos coa campaña de Nadal, que é forte, con sorteo de xoias»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO/LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

Ata este domingo día 5 está aberta a campaña navideña do Coxga, na que este ano se sortearán pezas 100% galegas

03 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro das campañas anuais do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia que preside por noveno ano o viveirense Óscar Rodríguez Blanco (Óscar Joyeros), a de Nadal é unha das máis destacadas. Este domingo remata, sendo o 15 o sorteo de seis preciosas pezas feitas por xoieiros galegos. Dita campaña tamén está organizada pola Federación Galega de Xoieiros, xunto co Coxga.

—Case dez anos presidindo o colexio... Que se acadou co tempo?

—Fixemos algo moi importante: ter presenza ao longo do ano, os doce meses, aparte do que é o motivo fundamental da súa creación, a formación. Dentro da nosa promoción facemos distintas campañas. Empezamos coa dos namorados, cada vez máis importante e outra especial é a do Día da Nai, toalmente consolidada, que naceu co colexio e na que participan máis de dez mil nenos, pois é unha forma de facer que os rapaces e os pais se familiaricen co mundo da xoiaría. Dan moi bo resultado. Agora estamos coa de Nadal, unha campaña forte a nivel galego con sorteo de xoias feitas por xoieiros galegos. Hai blogueiros e influencers que tamén aportan o seu gran de area na promoción. Ademais, a nivel publicitario oscila entre un ano e outro entre 40.000 e 50.000 euros a inversión, canalizada por nós e cunha axuda da Xunta.

—Como se participa no sorteo?

—Pódese participar como cliente dun establecemento asociado ou entrando no portal web (www.coxga.es).

—A venta de xoias estará agora en auxe de cara a Reis.

—Na venta de xoiaría hai dous tipos de clientes moi definidos: o que compra xoiaría como complemento de moda e aquel ao que, ademáis de gustarlle a parte artística, ten en conta a alta xoiaría como inversión. Digo moitas veces que non nos imaxinamos a cantidade de xente que grazas ás xoias da avoa, cando empezou a crise e para poñerse nunha situación económica estable, botou man dese fonde de aforro que foron facendo os nosos antergos. Os máis novos están obviando iso. Tamén está a parte sentimental, pois a xoiaría forma parte da historia da familia.

—Que plans hai para 2020?

—O fundamental vai ser consolidar as campañas en marcha. A primeiros de ano imos facer unha gala de xoiaría onde se van entregar recoñecementos a profesionais ou xente de distinta índole que colabora con nós. Tamén queremos potenciar o Día dos Namorados, cunha campaña en breve. E temos en proxecto, pero faltan flecos sen atar e senón é este ano sería no 2021, un desfile de moda de xoiaría, con repercusión importante nacional.