«Podo cambiar a nivel físico o local pero quero manter a miña esencia»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

O restaurante viveirense Muro reabre tras un cambio de imaxe acorde coas tendencias, como explica o seu dono, Víctor Valenzuela

09 dic 2019 . Actualizado a las 20:48 h.

A conversa con Víctor Valenzuela (Xove, 1980), dono e cociñeiro do restaurante Muro en Viveiro, comeza así a primeira mañá trala reapertura do establecemento, a raíz de estrear nova imaxe: «Creo que a hostalería é un mundo que se está renovando continuamente. Toca actualizarse, a nivel físico do local e a nivel carta e tendencias. É importante. Iso fíxeno sempre pero ata poder plasmalo nun local novo... todo leva o seu tempo. Estou aquí dende hai 12 anos e bueno... tampouco é fácil».

-Como foi a primeira década de intenso traballo en hostaleira? Puido parar e pensar que quería?

-Doce anos dan para moito nese sentido. Tiven anos de pouca motivación, que foron difíciles. E cando falta a motivación, fáltache todo. A crise marcou moito os anos anteriores. Tamén en Viveiro, un pobo cun turismo moi estacional polo que hai épocas complicadas. Intento diferenciarme, que é o que fago agora, máis a nivel físico do local. O resto é seguir coa miña base, que é o principal. A base de traballo e esforzo, as cousas van saíndo. Nese sentido, tamén me sinto orgulloso de ir superando as dificultades, grazas á confianza co persoal e traballando codo con codo.

-Sabe que crise en xaponés significa «oportunidade». Cal é a que busca neste sector?

-A palabra crise significa que espabiles senón vas a pique. A crise tamén fai unha criba en xeneral, a todos os niveis. Pasou con hostalería, axencias de viaxes, bancos... Fai poñerte as pilas.

-Como é o novo Muro?

-En Viveiro houbo unha tendencia de mesón de madeira escura, pedra e forxa. Posiblemente naquela época se pensaba que non ía pasar de moda e quizás sexa certo. Pero cando chegas a locais novos e actuais con decoración distinta, dis ‘quero isto para min, quero isto para Viveiro’. Se se mantén o temón e cunha perspectiva firme, acabas conseguido as cousas. Muro é agora máis diáfano en xeneral; cambiamos a cor, a luz que é máis branca, hai máis claridade e ata parece máis grande. Aí se ve a profesionalidade do que deseña. Eu tamén tiña tan claro o que quería. Foi deseño de Arnela pero baixo un que eu xa tiña na cabeza. Atopamos un estilo. Había conceptos que quería como a barra de mármore branca e o logo de Muro en neón.

-Como reaccionará a clientela?

-Sobre todo intento motivar á xente porque a todos nos gusta a novidade. Atraela é do que se trata, porque este é un negocio.

-Xa estamos en tempo de Nadal.

-Teño unha lista bastante ampla de menús para ceas de empresa que están xa por redes socais e adaptados ao que a xente me pide e quere. Hai unhas propostas xeneral, que adaptamos. Nun que nos funcionou moi ben o ano pasado, este ano melloramos os viños e a combinación dos entrantes. Podo cambiar a nivel físico o local pero eu quero manter a miña esencia orixinal. Quero que o cliente que tomaba un xoven a 1,10 euros o siga tomando a ese prezo.

-Próximas xornadas e incorporacións na carta a salientar?

-As do cocido serán despois do Nadal. Hai pratos novos na carta como carpaccio de polbo, carrilleiras de tenreira, ensalada capresse ou pizza con bonito de Burela (vai o logo do O Almacén do Peixe). O bonito de Burela é un peixe que destaca como xa fixen dende o principio coa pescada do pincho de Celeiro. Agora chamámoslle km 0, pero é moi importante que o produto sexa do entorno. Tamén imos facer postres adaptados ás merendas: cupcakes, tarta de chocolate...