300 euros por 8,70. A historia dunha viaxe no tren de FEVE

antonio gregorio montes PROFESOR XUBILADO

VIVEIRO

PEPA LOSADA

28 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoves 14 de novembro de 2019. Mal tempo, unha viaxe de Ribadeo a Viveiro e unha decisión: vou en tren. Na estación, pido billete e comunícanme que o conseguirei no tren. Quedo pensando por que se desaproveita a oficina da estación e o persoal destinado alí, pero tamén que non entendo do tema e pode haber motivos que se me escapan. Paso ó andén e atópome cunha parella nova con cans e un trebello de rodas que queren meter no tren. Non cabe por unha porta normal, ten que pasar por unha dos extremos. Pero chegan condutor e revisora e din que non poden abrila, que está atascada. A parella déixalles unha ferramenta para tentar abrir. Despois dun intre, a porta segue negándose. Resultado: a parella non sube. O xefe de estación dá a saída e, ó pouco a revisora pasa e lévome un billete de ida e volta Ribadeo/Viveiro por 8,70 euros. A viaxe a Viveiro, co mar encrespado á vista boa parte do recorrido e o ceo cambiante de pingues e escuros a luminosos claros da outra beira dos vidros, precioso, tranquilo, cómodo, agradable.

Á volta, volvo ó apeadoiro con tempo e póñome a esperar entre trombas de auga nas tebras da fría noite debilmente iluminada polas farolas próximas. Pasan as 21.07 previstas e, uns cinco minutos despois, comezo ler os poucos carteis que hai no apeadoiro. Un informa dun número de teléfono para chamar se o tren tarda máis de 10 minutos en pasar despois da hora prevista. Chamo e chamo sen conseguir que me collan. E fíxome noutro teléfono noutro cartel que podería servir. Aí si me collen, e despois de falar cun contestador automático e elixir varias opcións, un interlocutor humano dime que non, que alí non é o que estou a procurar, pero que me pasa con outro número. Aínda estaría esperando a resposta dese outro número, se non fose porque despois dun tempo a comunicación cortouse, sen máis. Volvo chamar ó primeiro número, e, desta, á segunda vez, collen. Explico que estou esperando o tren (daquela xa o retraso se achegaba á media hora) e sen deixarme rematar cando lle digo onde me atopo, dinme que por esa liña non está a circular ningún tren. Antes de que saíra do meu asombro, engade que me vai vir buscar un taxi e colga. Eficiente.

O taxi non tardou. Saúdo, subo e pregúntolle á taxista se lle entrego a ela o billete. Dime que a ela non, que en todo caso, cando cheguemos a Burela, a quen estea alí. Entre Viveiro e Burela da tempo a desenvolver unha conversa, e entérome de que a rapaza nova que vai diante ven dende o Vicedo con destino Xove, de que ó tren no que eu fixera o recorrido ata Viveiro caeulle un tronco derriba no seu camiño cara a Ferrol, e de que a situación non estaba solucionada, polo que non circulaban trens e facíase o servizo en taxi. Polo que parece, situacións semellantes son frecuentes, cousa de unha cada dúas semanas. O caso é que tamén me di a taxista que o taxi no que vai a revisora tería recibido ordes de ir para Burela, sen especificar, polo que pasou de largo os apeadoiros do camiño e logo houbo a necesidade de axustar outro, no que ía eu, para recoller a xente deixada da man de FEVE.

Por un ollo da cara

Polo camiño, mentres -agora si imos recorrendo os apeadoiros, vexo que o taxímetro xa pasa de 60 euros e comezo a pensar de que ademais de chegar tarde nesta noite de cans, da incertidume do teléfono e o pequeno sobrecusto das chamadas, a FEVE vaille saír o meu billete e o da xente que está nunha situación parella a min por un ollo da cara.

Chegamos a Burela, e vexo que se baixa unha rapaza que coñezo do taxi que está esperando: tiña falado coa súa casa e van ir buscala dende Ribadeo, porque non sabían canto tardaría o noso taxi. Como xa están en camiño, e nós ‘temos présa’ segundo a revisora que estaba esperando, para cumprir o horario, ela queda no andén da estación de Burela e seguimos viaxe, o taxista, a revisora e dous pasaxeiros camiño de Ribadeo. Pregúntame revisora se teño billete, e ó dicirlle que merquei un de ida e volta e facer movementos para sacalo da carteira dime que vale, que entón non fai falta que llo amose. Seguimos pasando revisión ós apeadoiros, ata pasar a ría de Foz, pero logo tiramos pola autovía. E, de novo, conversa. Falamos, pregunto e a revisora di que espera que a situación mellore: cara ó 2025 está prevista a entrega de novos trens, logo non é previsible que se cerre a liña... mentres, polo camiño, o segundo taxi xa marcaba máis de 280 euros. E lémbrome dos 75 euros/día para taxi que no seu momento entereime estaban programados para o 2017.