Natalia Carou gaña o segundo Premio Vilar Ponte de Novela coa obra «O mal querer»

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

MARCOS CREO

Un total de 26 obras foron presentadas ao certame cultural que convoca o Concello de Viveiro

23 nov 2019 . Actualizado a las 20:22 h.

O xurado fallou este sábado o segundo Premio Vilar Ponte de Novela, no que resultou gañadora a obra O mal querer, escrita por Natalia Carou Figueira. «Trátase dunha novela redonda, moi dura, que retrata a sociedade actual onde a violencia, o machismo, a droga, o maltrato, o acoso escolar, a manipulación mediática, os poderes fácticos, e, sobre todo, o desamor ou desafecto se xuntan nun cóctel destrutor no que se ve atrapado o lector», destacou o xurado, do que formaron parte tres persoas relacionadas co ámbito literario e cultural, e un representante do Concello de Viveiro, que actuou como secretario, con voz e sen voto. Foron Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, mestre e historiador; Xoán Neira López, mestre e escritor, e María Donapetry Camacho, profesora e escritora. María Rosario San Isidro Franco, traballadora do Concello de Viveiro, levantou acta.

O premio ao finalista correspondeu a Ramón Carredano Cobas, coa obra Qwerty. «En contraste coa novela gañadora, pode resultar máis complexa a súa lectura debido aos saltos temporais do pasado, presente e futuro (o soño da viaxe no tempo). Destaca a sensibilidade sensual e poética (sabores, olores...), combinando o respecto á natureza co progreso e os avances da ciencia», subliñou o xurado.

Presentáronse 26 obras

Un total de 26 obras procedentes de toda Galicia foron presentadas ao certame cultural impulsado por segundo ano consecutivo polo Concello de Viveiro en memoria dos irmáns Vilar Ponte. O acto da entrega de premios terá lugar o xoves 5 de decembro no Teatro Pastor Díaz de Viveiro a partir das 20.30 horas.