«En Viveiro tocarei 27 instrumentos que son 'tatara tatara tataravós' dos actuais»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

cedida

O músico Abraham Cupeiro presentará o sábado no Teatro Pastor Díaz o espectáculo «Pangea» coa Banda de Música O Landro

21 nov 2019 . Actualizado a las 13:39 h.

A Banda de Música O Landro de Viveiro transformarase este sábado (Teatro Pastor Díaz, 21.00 horas) «nunha especie de barco que levará o público a sucar os mares do noso planeta e visitar os cinco continentes escoitando instrumentos propios de cada un», como explica Abraham Cupeiro (Sarria, 1980). Logo de presentalo en Finlandia, Costa Rica ou Francia, e con orquestras do talle da Real Filharmonía de Galicia ou a filharmónica de Gran Canaria, o prestixioso músico e compositor mostrará o seu espectáculo Pangea na cidade do Landro da man da formación que dirixe Carlos Timiraos. «O 9 de novembro fixemos unha primeira lectura e sentín que os rapaces están moi ilusionados. Imos facer un concerto moi bonito», adianta, e engade: «Pangea non deixa de ser unha verba para definir o antigo supercontinente, no que estaba todo unido, e a nosa idea é unir metaforicamente a terra a través da música».

-En «Pangea» dará a coñecer cantidade de instrumentos descoñecidos, doutras épocas...

-No espectáculo toco máis de 27 instrumentos que son «tatara tatara tataravós» dos actuais, e entre os que podemos atopar buguinas de Oceanía, outros como o hulusi, un instrumento chinés cunha tradición de máis de 3.000 anos, ou outros que veñen de zonas tan afastadas como a do río Níxer, que son os xuncos, cos que se pode facer unha música marabillosa que vén de África. E tamén viaxaremos ao pasado, porque imos tocar unha gran trompa da Idade de Bronce, unha dord irlandesa. Son tantos instrumentos que a xente non vai quedar defraudada, e vai ver unha gama de timbres que intentan reflectir o diverso que é o noso planeta a nivel cultural.

-Vostede é moi coñecido por ter recuperado o «karnyx», un espectacular instrumento de guerra que evoca o son das sereas, dos delfíns, do mar, das baleas... Tamén o tocará en Viveiro?

-O karnyx sempre vén comigo na maleta, así que pode haber sorpresas.

-Algúns foron feitos por vostede, outros foron recuperados... Que historia hai detrás dos instrumentos de «Pangea»?

-Algúns foron feitos por min, pero a maioría conseguinos a través de contactos que fixen con xente de Mongolia, China, Oceanía, América do Sur... Algúns conseguín que mos fixeran, outros que mos mandaran. Algúns viñan moi deteriorados polo transporte. Foi un período de investigación que durou máis de dous anos, e despois houbo que preparalos para tocar cunha agrupación moderna ou estándar, como a Banda de Viveiro. Tes que levalos ben, que afinen e que poidan dialogar con eles. Neste caso o proxecto é máis de músicas étnicas, de achegarnos ás raíces dos pobos.

-Como xurdiu a posibilidade de actuar en Viveiro?

-É un proxecto patrocinado pola área de Cultura da Deputación de Lugo. Hai máis de vinte anos que coñezo a Banda de Viveiro e sempre fixeron as cousas ben. Comenteille a Carlos que poderiamos ter unha colaboración moi interesante, aceptou de moi bo grao e aquí estamos.

-Resulta curioso que unha banda municipal colabore en algo así?

-As bandas de música non ocupan o lugar de referencia que deberían ocupar, porque moitas veces non se lles fai o caso que se lles debería facer. Sempre tiveron unha visión moi poliédrica de todo. Poden tocar desde música de Wagner ou Mozart a unha zarzuela, un pasodobre, unha muiñeira ou un bailable. E creo que a diversidade de Pangea acomódase moi ben á visión das bandas, de ser atrevidas e botarse a outro tipo de músicas abandonando a súa área de confort.

«Sinxelamente son un músico que ten curiosidade polo pasado, e iso lévame a investigar e reconstruír instrumentos que non poden volver»