A Xunta insta á Deputación e a Viveiro a mellorar unha parada de bus a unha alumna

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

Di que Tráfico suxire acondicionar un lugar fronte o domicilio onde un autobús de 22 prazas poida manobrar e volver pola estrada

15 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Educación deu traslado á Deputación de Lugo e ao Concello de Viveiro das recomendacións feitas pola Garda Civil para mellorar a actual parada do transporte escolar emprazada no lugar de Ventoselle, que usa unha estudante.

Na actualidade a zona de estacionamento do autobús escolar atópase a aproximadamente 400 metros do domicilio familiar da alumna transportada. A xuízo da Garda Civil podería verse mellorada acometendo unha serie de obras que son de exclusiva competencia municipal ou provincial.

«En particular, o destacamento de Tráfico recomenda realizar algunhas modificacións como a instalación dunha marquesiña, a colocación de sinalización indicativa da parada escolar e dotar o espazo que debe percorrer a alumna de iluminación pública», comunican dende a Consellería de Educación.

«A alternativa estudada pola Garda Civil consiste en acondicionar un lugar fronte o domicilio da alumna onde un autobús de 22 prazas poida manobrar e volver pola estrada, pero para facelo ademais de contar coa autorización do propietario dos terreos nos que se situaría a nova parada, tamén sería preciso acometer obras de adaptación similares ás recomendadas para o emprazamento actual, tales como o asfaltado da zona de manobra, colocación de sinalización de advertencia e de iluminación pública, todas de competencia da administración local e provincial», explican finalmente dende a consellería.