Educación segue pendente de Tráfico para cambiar a parada de bus a unha alumna de Viveiro

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

29 oct 2019 . Actualizado a las 18:30 h.

A Xefatura Territorial de Educación en Lugo comunicou onte a través dunha nota informativa que segue pendente dun informe de Tráfico para resolver o problema dunha parada do transporte escolar a unha alumna de Viveiro que debe percorrer un tramo escuro e perigoso agora ata a parada.

«A alumna -lembraban onte desde Educación- conta cunha parada establecida a 350 metros do seu domicilio dende principios de curso. Solicitouna este curso e desde o día 20 de setembro está á súa disposición. Para darlle este servizo modificouse a ruta escolar para recollela no lugar máis próximo ao domicilio que reunise todas as garantías de seguridade».

A situación agora

«A familia solicitou trasladar a parada e fixala fronte ao seu domicilio, nun punto considerado perigoso polos servizos técnicos da Xefatura Territorial de Educación, Universidade e Formación Profesional. As condicións da estrada e o trazado, cunha curva pronunciada, suxiren que esta solución é inadecuada. A Xefatura Territorial pediu un informe ao respecto á Garda Civil de Tráfico, tanto directamente como a través da subdelegada do goberno, e está á espera de recibir a resposta para determinar se o cambio que solicita a familia é ou non viable», añaden desde a Xefatura Territorial de Educación.

«A familia alega que a vía é escura e non ten beirarrúas. Trátase dunha vía de titularidade municipal, polo que a solución de ambos problemas -luz e aceras- compete ao concello», manifestan desde Educación.

Un taxi

«Pagarlle un taxi o concello a un alumno que ten concedida unha praza de transporte escolar -financiada tamén con orzamento público- é un agravio comparativo para os demais escolares, e especialmente para aqueles que teñen a parada de autobús a máis de 350 metros -hai que lembrar que a parada pode estar a un máximo de 2 quilómetros do domicilio dos alumnos-, como é o caso en Viveiro». A pequena, que estuda no María Sarmiento, vive no lugar de Ventoselle.