Viveiro homenaxea a Antón Noriega Varela


Cronista oficial de Viveiro

Onte cumpríronse os cento cincuenta anos do nacemento do gran poeta Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 18 de outubro de 1869-Viveiro, 23 de marzo de 1947) e o Concello de Viveiro vai celebrar esta efemérides o sábado día 19 de outubro, co descubrimento dunha placa conmemorativa nunha das casas onde viviu, e cunha ofrenda floral nos xardíns que levan o nome do noso protagonista. Igualmente, o día seguinte, no Teatro Pastor Díaz tamén terá lugar un acto poético musical na súa gabanza.

Viveiro, que foi a última cidade de residencia de Noriega Varela dende que no ano 1931 viñera desempeñar o seu cargo de mestre na escola de Chavín, debe agasallar e recordar con agarimo a tan significativa personalidade da literatura galega e universal. Certamente, o homenaxeado é autor dunha importante obra poética que comezara nas terras mindonienses coa publicación de dúas extensas composicións De Ruada (1895) e Leite fresco (1899). Noriega reafirmou o seu estro como “poeta da montaña” con estes primeiros versos populares e co libro Montañesas, publicado en 1904. Nel, destacan os poemas descritivos que falan dos traballos cotiás, dos costumes e das festas dos labregos, compostos na liña costumista dos mestres decimonónicos: Rosalía, Lamas, Leiras. Posteriormente, na segunda edición de Montañesas (1910) aparecen xa varios poemas de carácter intimista que apuntan cara a un lirismo da natureza que desenvolverá uns anos máis tarde.

Pese ao carácter xovial e goliardesco do Noriega nestes anos de mocidade, non debemos esquecer, en troques, que a fonda relixiosidade e marcada ideoloxía carlista do poeta encaixaban como anel ao dedo na súa particular visión da natureza e da temática montañesa, como gardadora das esencias e tradicións dun mundo rural que comezaba a experimentar acelerados cambios.

Logo, durante a súa estadía en terras ourensás (1911-1926) fíxose notoria a influencia que exerceron no noso vate os autores portugueses, especialmente Camoens, Antero, Teixeira de Pascoaes, Guerra Junqueiro, Antonio Nobre, A. Botto, R. Brandâo Lopes Vieira, Afonso Duarte, Mario Beirao, Marta Mesquita da Cámara …

Coa publicación das dúas primeiras edicións de Do Ermo en 1920, Noriega abandona definitivamente o realismo costumista iniciático para establecer un diálogo constante coas paisaxes de montaña, o ermo, cantando os elementos naturais e as máis sinxeliñas criaturas da serra: os vermiños, a carriza, as chorimas, as xestas, os toxais, a edra, o musgo, a neve, a néboa, o orballo, as pucharquiñas… De tal xeito que eses seres humildes convértense, como dicía Carballo Calero, en símbolos dunha vida de piedade e tenrura, “cuasi” franciscana, que para Noriega serían a verdadeira alma de Galicia. A súa lírica é do máis “devota”, pois nela evocase constantemente a presenza de Deus, do Santo Cristo e a Virxe María, labrados na pedra dos cruceiros polos populares canteiros, fronte ao lobo (o demo e os descridos) que agardan a ocasión para atacar ao rabaño dos crentes.

Sen dúbida, coas distintas edicións de Do Ermo e coa publicación de moitos dos requintados sonetos que actualmente conforman o corpus do libro Tenuis Pluvia, publicado no ano 2006 polos seus descendentes, Noriega Varela acadou en vida un lugar privilexiado dentro do concerto literario galego e portugués. Tampouco debemos esquecer o importante labor que realizou como recolector de cantares, adiviñas, refráns e ditos populares. Froito deste traballo constante foron os seus libros A Virxen y-a paisanaxe (1914) e Como falan os brañegos (1928), ademais doutras moitas publicacións inseridas en distintos xornais e revistas da época.

Texto

Por Carlos Nuevo Cal Cronista Oficial de Viveiro

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Viveiro homenaxea a Antón Noriega Varela