«Moitas veces cando marisqueo avisan ao Seprona de que hai un furtivo na praia»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

Manuela Rodríguez Martínez, a única mariscadora que queda en activo en Viveiro, extrae mincha, que envía a Cambados, e ourizo, que vende na lonxa

05 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«O de Manuela ten moitísimo mérito». Nesa idea coinciden desde a bióloga da Confraría de Pescadores de Celeiro ao delegado de Pesca en Celeiro, pasando pola xente que coñece ao que se dedica Manuela Rodríguez Martínez, a única mariscadora que queda en activo en Viveiro. «Moitas veces cando estou mariscando avisan á Xunta ou ao Seprona de que hai un furtivo na praia. Na coquina por último, en Area, eramos dúas e raro era o día en que non viña o Seprona porque os chamaran. Chegaban e xa nos coñecían. Mira ti que de furtiva non vou levar botas, sacho cesto...!», sorrí esta veciña de Covas de 59 anos.

-Moita xente sorprenderase de que en Viveiro aínda haxa alguén que se dedique ao marisqueo...

-Ao longo do ano vou á mincha e ao ourizo, e non vou a máis porque a ría está pechada. Non é que non queira ir eu, é que non podo, porque marisco hai, só que só se podería extraer para unha conserveira ou para a súa reinstalación nunha zona habilitada, que no caso de Viveiro non hai porque está todo pechado [o peche da ría de Viveiro para a extracción de marisco foi decretado en maio do 2015 pola Consellería do Mar debido á presenza dunha toxina que afecta aos moluscos].

-Onde vende?

-A mincha estouna mandando a Pontevedra, a un señor de Cambados que ten depuradora e se dedica a iso. E o ourizo, que vai de decembro a abril, lévollo á lonxa. É dicir, vendo todo por lonxa, non vendo nada por fóra.

-Nas últimas semanas houbo unha mobilización social importante reclamando o saneamento da ría. Cre que mellorará a situación para o sector marisqueiro de Viveiro cando se leve a cabo?

-Sería unha marabilla, algo perfecto, pero non sei se vai ser. Ao mellor se foramos moitas mariscadoras, 20 ou 30 que fixeramos forza, habería algunha posibilidade, pero é difícil porque non hai relevo xeneracional e é un traballo moi duro.

-Ás veces dá a sensación de que vivimos «de costas» ao mar, de que non se protexe o suficiente, pese a telo aí ao lado...

-Si, e a ría de Viveiro é moi rica porque había ostra, había berberecho, había ameixa fina e había coquina. A coquina é unha gozada collela, e ademais tiña un prezo moi bo. Cheguei a vendela a 35 euros en lonxa.

«A ría é como a terra: se a cavas e sementas, produce, pero se non o fas, non dá nada»

Hai poucos días, Manuela e a bióloga da Confraría de Pescadores de Celeiro, Gloria Portilla González, testaron a presenza de ameixa na ría de Viveiro. O resultado foi desalentador. «Antes había ameixa fina en cantidade, pero o outro día non sacamos nada. Ao estar pechada a ría, leva tanto tempo sen traballar que está a zona moi dura. Fun coa bióloga entre as dúas pontes, cara a vía do tren, pero é imposible que haxa marisco agora aí», comenta Manuela, que destaca: «Acórdome que hai ao mellor vinte anos rexenerábamos a praia. Iamos entre todas, cavábamos... A ría é coma a terra: se a cavas e a sementas, produce, pero se non o fas, non dá nada, que é o que pasa. Antes a area estaba movida, pero agora está dura e sacas moito fango».

-Ao ser a única mariscadora que queda, séntese soa?

-Pasas frío, moitas veces vas e anágaste, éntrache a auga e estás mollada, os dedos dos pés dóenche, as mans quédanche sen forza..., e o traballo, aínda que me guste, é moi pouco porque tes que repartir e facer unha ou dúas vendas ao trimestre. Se vendo toda a mincha agora, no Nadal, que tampouco é que o paguen moito, pero ao mellor dous euros máis en quilo si, quedo sen nada. Se foramos máis podería ir, por exemplo, á ostra, como as mariscadoras do Vicedo, que poden cos capachos entre dúas. Cando todas as de Viveiro se foron retirando ou deixándoo e ao final quedei eu, dixen: «Non o vou deixar polo simple feito de quedar soa».

«Deberiamonos poder retirar aos 55 anos, como os mariñeiros, porque é un traballo moi duro»

«Desde que fixeron o espigón na praia de Covas, acabouse todo»

A primeira vez que Manuela Rodríguez foi mariscar era aínda unha nena. «Ía con miña avoa á praia de Covas. Iamos á coquina e ao berberecho. Eu era unha nena, e cavaba e saía un montón de marisco. Non recordo o tope que tiñan, pero un cesto de vimbio enchíano como nada, e agora vas e nada. Un día pedín para ir ao longueirón porque había ollos, pero o que hai é pequeniño, non dá a medida para vender», explica a muller, que é mariscadora por tradición familiar. «Miña avoa era mariscadora, miña nai tamén o foi, e logo eu tiven as nenas [é nai de dúas fillas] e como me gustaba empeceime a meter. Fixen o Permes en Celeiro e empezamos a ir mariscar. Primeiro non era obrigatorio asegurarse, pero despois veu iso e asegurarámonos tres. Ao final quedei eu soa», indica Manuela, que ten unha opinión moi clara sobre a escaseza de marisco en boa parte da ría viveirense. «Desde que fixeron o espigón na praia de Covas, acabouse todo. A partir de aí non hai case nada agás lapa, que si que hai moita e vai para conserva, pero non hai comprador para ela», sostén.