A Biblioteca do Pazo de Grallal

Fina Roca

VIVEIRO

Dolores Pérez-Labarta Pillado, la última habitante del viveirense Pazo de Grallal, en la biblioteca del edificio, de siglo XVI y recién vendido
Dolores Pérez-Labarta Pillado, la última habitante del viveirense Pazo de Grallal, en la biblioteca del edificio, de siglo XVI y recién vendido MARTA MICHELENA

30 ago 2019 . Actualizado a las 21:33 h.

A Biblioteca do pazo do Grallal era de estilo Rococó e posúa un pequeno espazo, cal camarote dos irmáns Marx, que viña ser a habitación do bibliotecario na que apenas cabía unha pequena cama. O chan conservaba os cravos de madeira… Brasóns, armas e valiosos reloxos decoraban o santuario da lectura, como un reloxo inglés de caixa alta de madeira de caoba do século XVIII e outro de mesa de bronce.

Seis andeis corridos de parede a parede a distintas alturas albergaban máis libros dos que cabían, producindo unha sensación de desasosego ao estar invadidos pola couza. Había incunables como Rinconete e Cortadillo pero predominaban os libros esotéricos, de Oras, Filosofía e Historia, algúns libros desfacíanse nas mans ao estar súper trillados.

Os estantes descansaban sobre un mesado exuberante e curvilíneo en tons verdes suaves con filigranas de ouro. Os libros de pergamiño eran tratados esotéricos e astrolóxicos. Encima dun atril torneado de madeira de cereixo estaba un Quijote ilustrado. Valiosos portapapeis de metal en forma de anteollos gardaban documentos antigos enrolados. Enriba da porta da biblioteca estaba o escudo dos Dutton, feito por Manuel Arcadio Bujados Fernández coa seguinte dedicatoria: «Para o meu amigo Salvador». Na biblioteca tamén estaban os catro escudos familiares: Miranda, Luaces, Aguiar e Sanjurjo.

No pazo do Grallal había un estraño testamento da nai dos Pérez Labarta e Pillado, dona Remedios, que obrigaba aos seus herdeiros a «que ninguén podería indagar no arquivo do pazo agás don Juan Donapetry, o cronista oficial da vila». Poucas persoas tivemos acceso á Biblioteca e ao despacho de Salvador Pérez Labarta e Pillado, que gardaba interesantes documentos, como as follas manuscritas de Ramón María de Valle Inclán por min publicadas no Heraldo de Viveiro. Puiden entrevistar en vida as irmáns Pérez Labarta e Pillado, Teresa e Lola, e a súa entrañable criada fiel, Conchiña, entrevista ilustrada coas fotos de Marta Michelena Rouco, quen fixo unha interesante reportaxe gráfica de todo canto había dentro e fora do pazo.

Non se sabe onde están

Dende que morreu a derradeira herdeira do pazo do Grallal Lola non se sabe onde está o devandito arquivo, nin as tallas da imaxes procedentes da capela e que estaban no interior do pazo polo medo aos roubos, nin a vaixela de Sargadelos antigo e resto de obras de arte e mobles de estilo inglés, ou dos procedentes do pazo de Cospeito. De todas estas cousas levo escrito largo e tendido, e publicado no Heraldo de Vivero e nas Carrachentas.

Denuncias sobre o deterioro do pazo do Grallal? A mazo… A miña escrita me remito ata coas fotos dos cochos vietnamitas campando ás súas anchas polo exterior do pazo xunto cos carneiros, cabras, cabaliños e cans. Teño moi claro que o crego que herdou o pazo dáballe facilidades aos ocupas para que esnaquizaran con todo, para poder convertelo no mellor solar ao pé de praia. Sei de boa tinta que os soutos que as Pillado tiñan na Silvarosa foron vendidos aos poucos días de morrer a súa derradeira propietaria, Lola. Porén se alguén garda para si mesmo o patrimonio cultural do pazo do Grallal, haberá que esixirlle tantas responsabilidades ou máis que e ao crego da parroquia.

En Viveiro son capaces de mobilizarse miles de persoas pola prohibición do descenso do río Landro o luns de Naseiro, cousa que non me parece mal, pero incapaces de manifestarse coa mesma forza pola garda e custodia do seu gran patrimonio cultural e ecolóxico, como o pazo do Grallal, a salvaxe tala de árbores no parque de Cantarrana e actual deterioro, a destrución dos xardíns de Noriega Varela, nos que calquera día haberá unha desgraza pola erosión do mar, etc. Pola praia de Covas houbo un bo intento con aquilo de Salvemos a Praia pero quedou en auga de borraxe. Os chilindríns empezaron tarde, mal e arrastras a protestar pola ruptura do emisario, pero empezaron...

En fin! O mal está feito i é irreparable…