«Ao monte san Roque hai que subir»

A pé ou en coche, xeracións van de romaxe cada 16 de agosto ao miradoiro de Viveiro

s.s.
viveiro / la voz

Son as sete da mañá en Viveiro. Os tacóns e vaqueiros axustados, por unha banda, e os pixamas, pola outra, van dando paso aos tenis e aos pantalóns de chándal. Uns de empate, os máis novos, e outros coas baterías cargadas, os que en tempos foron máis novos, comezan a subida ao monte san Roque, como manda a tradición. No cume, as mesas do parque comezan a ocuparse e as mantas para sentarse, a caer no chan. Pasan as horas e os máis madrugadores teñen que agardar polos preguiceiros, mais ás nove xa se pode dicir que o miradoiro natural de Viveiro está ateigado, coas familias frescas coma rosas e a xuventude intentando aparentar frescura. Cada un á súa maneira, todos gozan das festas patronais.

Aínda que a tradición mande facer a subida a pé, o aparcadoiro está ateigado. As potas de chocolate pesan demais andando, claro, e sen elas, actualmente, a romaxe perdería o seu eixo central. Nos últimos anos a escena variou moito, pois pasouse das subidas ás catro da mañá, para seguir co cubalibre na man, aos almorzos familiares de chocolate, churros e bica. Quedan menos desfase e tendas de campaña.

Os que asistiron a todas as variantes son capaces de comparalas, pero non poden elixir cal lles gusta máis. Juan Pedro, un experimentado romeiro, está contento coas tintas que hoxe tomou a festa, pero fala con morriña dos tempos pasados. Naquelas edicións «subía un río de xente ás tres ou catro da mañá» para despois seguir ata o amencer coa festa. «Aquilo acabou sendo un desfase e a xente deixou de ir», comenta con certa pena. Norma, a súa esposa, non o dubida e prefire a forma actual da romaxe: «É unha marabilla vir coa familia e almorzar xuntos». Hai xente que elabora o plan con máis acompañantes que uns churros. Moitos fan uso das grellas do parque para asar chourizos ou panceta e, así, comezar a mañá con enerxía.

O tempo avanza e a resistencia dos rapaces ao sono vai perdendo forza. Mentres un gaiteiro ameniza a escena, a xuventude vai caendo durmida en mantas sobre o campo ou apoiando as cabezas sobre as mesmas mesas. «Hai que subir, sempre se fixo», responde un destes mozos ao mencionarlle a súa cama. Ante tal lapidaria afirmación, non hai dúbidas de que a romaxe ten futuro. Os nenos, que almorzan no parque con pais e avós, levan impregnado o interese pola festa dende o berce. Pero tamén a xuventude, tantas veces criticada, afianza a romaxe de san Roque dun xeito non moi diferente ao que se daba hai anos no cume.

A esencia e a orixe da subida son os actos relixiosos. A pequena capela de san Roque acolle a emoción de todos os viveirenses, que asistan á misa, saúdan ao seu copatrón e o levan e en procesión. Sempre coa colaboración de Bágoas da Terra.

Tan só queda, despois de pasar pola fase do cubata, do chocolate e da comuñón, recoller o campamento de san Roque e regresar a Viveiro, a pe ou en coche, porque a festa continúa.

A xente nova deixa moi claro que a romaxe ten futuro

Ao ser preguntada polo porvir da celebración, a xente nova responde de xeito dispar. Está claro que a romaxe de san Roque ten futuro, pero falta saber de que maneira. Dende os nostálxicos, como Juan, que pensa que «a celebración de antes tiña que estar xenial», ata os que apostan polo presente, como Gerardo, que non dubida en dicir que ve máis divertido «o xeito actual de pasar a noite». Este comenta que antes rematara por converterse nun «macrobotellón» de tendas illadas e que iso nunca é beneficioso. Juan, amigo do anterior, non pode estar máis en desacordo. Aínda que goza da festa actual, coma calquera da súa idade, non ve problemas na celebración antiga. Cunha sensación entre a resignación e o enfado, sinala que «se non deixan nin baixar o río de Naseiro, isto menos».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Ao monte san Roque hai que subir»