Viveiro aberto ao mar

José Manuel Balseiro, delegado da Xunta na provincia

VIVEIRO

O delegado da Xunta na provincia defende as obras no muelle vello e critica ao Concello

19 jul 2019 . Actualizado a las 12:55 h.

O pasado xoves culminaba un proceso complexo e longo polo que a Xunta dotaba á cidade de Viveiro de máis de 300 prazas de aparcamento público e gratuíto a escasos metros do centro histórico. Un novo servizo que permitía o aproveitamento de máis de 8.000 metros cadrados do peirao antigo, hoxe sen usos portuarios.

 A Xunta atendía así unha demanda social e comercial e facía fronte tamén a un compromiso adquirido polo Goberno de Feijóo para corrixir a falta de iniciativa doutras administracións incapaces de crear novas prazas de estacionamento gratuíto pese a que para todos era evidente que se trataba dunha das principais carencias da cidade.

 Hai quen pode discutir tempos e ritmos, quizais porque non é sinxelo trasladar a complexidade dun longo procedemento que obrigou ao rescate de concesións en vigor, en moitas das 12 naves que ocupaban o espazo que hoxe é unha explanada, libre, ampla e ao servizo da veciñanza.

 Tamén hai quen nin come nin deixa comer, amosando pouco respecto institucional e unha demagoxia desbordante. A alcaldesa pediu expresamente que non iniciásemos as obras durante a Semana Santa e sabía que, polo prazo de execución dos traballos, non era posible ter a zona aberta durante o Resurrection Fest ou o Mercado Renacentista. Priorizou un evento sobre os outros e agora nos critican por atender a súa petición. Sen esquecer que a Xunta foi quen de ofrecer zonas de aparcamento alternativo no tempo no que duraron as obras.

 Non ten sentido insistir en polémicas que enturben unha realidade: o Goberno de Feijóo foi quen de cumprir a súa promesa de multiplicar os espazos de aparcamento gratuíto na cidade e eliminar as naves recuperando unha imaxe espectacular da ría, poñendo en valor unha paisaxe extraordinaria. Un paso decisivo nun proceso, o de rehabilitación da fachada, co que seguimos comprometidos: por un Viveiro aberto ao mar.