«Este verán está de moda o buceo, levamos 80 bautismos nunhas semanas»

O viveirense di que vascos, casteláns e madrileños son os que máis solicitan a experiencia


viveiro / la voz

Ano tras ano aumenta o número de persoas que se atreven a somerxerse no mar en A Mariña para vivir unha experiencia distinta e coñecer os segredos que se atopan baixo a auga. Así o comenta Iván Barros, xerente de Mergullo Viveiro, unha escola de buceo situada en Celeiro que ofrece desde cursos de iniciación e perfeccionamento a saídas de pesca e bautismos de buceo para persoas a partir de 6 anos. Estes últimos están en auxe, como sinala Barros. «Este verán está de moda o buceo, levamos 80 bautismos nunhas semanas, desde Semana Santa máis ou menos. é unha pasada, e para agosto temos moitas reservas xa», apunta.

-En que consiste un bautismo de buceo?

-É o primeiro contacto da xente co mundo subacuático. Normalmente facémolos na praia de Area ou na do hotel Las Sirenas, porque son sitios de pouca profundidade, moi tranquilos e que teñen moita vida de peixes de plantas para que a xente poda gozar deles. Para nós, son as zonas que máis se parecen ao Caribe, con auga moi clara e quentiña. Sempre procuramos levar á xente a esas zonas para que se namore deste deporte.

-Desde cando percibe ese aumento do interese polas actividades submarinas?

-Hai tres anos ou así houbo un parón, pero agora está repuntando moitísimo. Polo menos nós, que estamos tendo a moita xente que nos vén visitar para facer con nós mergullo.

-De onde son a maioría?

-Dos sitios máis peculiares. Temos turismo do País Vasco, de Asturias, de Madrid, de Castela León... É o que máis temos, aínda que mesmo tamén doutros lugares de Galicia, como Vigo ou Ourense, sobre todo xente do interior. A que menos temos é a de aquí, a local. A xente da Mariña é a que menos vén. Quen é de aquí non vive o mar tan apaixonadamente, senón que o ve máis ben como algo secundario. Algo que está aí, pero que non o goza todo o que se podería.

-E por idades?

-Veñen sobre todo xente moza, de entre 25 e 40 anos.

-Que haxa tanta xente interesada en bucear debe ser por algo. Que achega o buceo a quen o practica?

-Moitísima paz e tranquilidade, porque hai que darse de conta de que debaixo da auga só escoitamos o que é a nosa respiración. As burbullas que bota o regulador de buceo e nada máis. Debaixo da auga sénteste totalmente libre.

«Facémolos en Area ou na praia de Las Sirenas porque son sitios de pouca profundidade, moi tranquilos e con moita vida mariña, con auga moi clara e quentiña»

Cursos para «bucear de maneira autónoma en calquera parte do mundo»

Nalgúns ámbitos o buceo asóciase a unha actividade ao alcance de poucos debido ás condicións físicas que esixe e ao importante custo económico dos equipos que son necesarios para somerxerse. De aí que a existencia de clubs e escolas de buceo facilite o acceso a este tipo de actividades. Mergullo Viveiro (https://mergulloviveiro.com/ y 638 378 631) organiza cursos de buceo de todos os niveis. «Adaptámonos á demanda da xente», destaca Barros, que indica que custan 350 euros e inclúen cinco sesións «divididas en dúas partes»: unha teórica e unha práctica. A primeira, di, pódese realizar de forma presencial ou por Internet. A segunta consta de cinco sesións de buceo nas que se aprenden exercicios básicos «para bucear de maneira autónoma en calquera parte do mundo, sen necesidade de ir con ningún instructor».

En Viveiro hai outros dous centros de actividades subacuáticas

Ademais de Mergullo Viveiro, na cidade do Landro operan na actualidade polo menos dous centros de actividades subacuáticas máis. Un deles é o Centro de Actividades Subacuáticas Buceo Viveiro (https://www.buceoenviveiro.com/), fundado hai máis de dúas décadas por José Manuel Barros, xa falecido, que foi o iniciador do buceo na comarca mariñana. O outro é o Centro de Actividades Subacuáticas Costa Lugo (https://es-es.facebook.com/Cascostalugo), que tamén opera desde Ribadeo e noutros puntos do litoral mariñano. Os dous clubs ofrecen variadas actividades e experiencias subacuáticas dirixidas a persoas de distintas idades e condicións físicas.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Este verán está de moda o buceo, levamos 80 bautismos nunhas semanas»