«Sen os veciños de Covas non habería San Xoán, achegan o 50% do presuposto»

A presidenta da comisión de festas, Betty Peña Navarro, invita «a todo o mundo» a disfrutar duns festexos que durarán cinco días e custarán ao redor de 50.000 euros


viveiro / la voz

«Despois de tanto traballo, invitamos a todo mundo a que veña disfrutar das festas, que para iso están, para disfrutalas no seu momento porque o día que deixe de habelas vai ser moi triste». A presidenta da comisión de festas do San Xoán de Covas, Betty Peña Navarro, ultimaba este xoves tanto no campo da festa como na igrexa parroquial os preparativos dunhas festas que marcan simbolicamente o inicio do verán e, de paso, do calendario de festexos na Mariña.

-Como se presenta este ano o San Xoán?

-Parece que algo nubrado, con medo a que choiva.

-E a nivel organizativo?

-Ben, un pouco como a ano pasado. Fixemos a petitoria polos comercios e os veciños da parroquia e agora quedan os últimos detalles, pero está todo previsto.

-Con que presuposto contan?

-Máis ou menos con 50.000 euros, que é o que custa a festa. Da recadación falta algo, pero con iso xa contamos e malo será que non deamos chegado! Empezamos a traballar en decembro escollendo as orquestras, pero a petitoria empezamos a facela en abril e maio, indo polas casas á noitiña, que é cando normalmente encontras á xente, en torno á cea. Na comisión somos oito e distribuímonos en grupos.

-Como está sendo a acollida por parte dos veciños?

-Moi boa. Sempre hai algunha persoa que che di que o ano pasado «faltou iso ou faltou aquilo» porque na mente de todos os veciños non podemos estar, pero o noventa por cento son agradecementos e caras de satisfacción por poder seguir coas festas un ano máis. A maior parte do presuposto do San Xoán vén dos veciños. Desde o María Sarmiento ata Escourido. Sen eles non habería festa, achegan polo menos o cincuenta por cento do presuposto. Despois están os comercios e establecementos da parroquia e dos arredores. Aí facemos Viveiro desde Landrove a Celeiro, e mesmo Area. E queremos darlle as grazas ao Concello de Viveiro, que tamén colabora economicamente e con material, sobre todo para a sardiñada.

«O tema das sardiñas é imprevisible, pero se van moi caras haberá un plan b»

O martes 25 de xuño, a partir das oito da tarde, moita xente da parroquia e dos arredores acudirá ao Campo da Pascua de Covas para a sardiñada do San Xoán. «O tema das sardiñas é imprevisible porque ata o último día practicamente non podes saber o prezo. Na comisión fixamos unha contía máxima do que nos pode custar a sardiñada, e se nos pasamos porque van moi caras, haberá un plan b. Se se escapan do presuposto poñeremos chourizos ou chicharros..., non sei. Pero malo será. É verdade que a sardiña escasea e vai cara, pero malo será. Un San Xoán sen sardiñas non é o mesmo», conclúe Betty Peña Navarro.

Os comercios patrocinadores aparecerán nunha pantalla LED no campo da festa

A comisión de festas de Covas «premia» a toda xente que colabora con ela. Aos veciños que colaboran economicamente entréganlles un vales para a sardiñada, que terá lugar o martes 25. «E aqueles veciños que non son da parroquia, se queren vir á sardiñada, poden recoller os vales o mesmo día, compralos nunha caseta habilitada para iso no Campo da Pascua. O tique custa dous euros e inclúe o prato con sardiñas e patacas e un vaso de viño», comenta a presidenta dos ramistas de Covas.

Unha das novidades deste ano son os recoñecementos aos comercios que colaboran. «Moita xente nos pregunta, fíxase niso e por iso me gusta destacar que nós agradecemos calquera doazón, desde a mínima á máxima, e por iso tamén este ano fixemos tres rangos. Hai a colaboración, que é a vontade ata certo prezo; hai unha colaboración na que entran o cartel e a pegatina de ‘establecemento colaborador’, e despois están os patrocinadores, que sairán nunha pantalla LED xigante os cinco días no campo da festa», explica.

Hoxe comezarán a preparar o lume que arderá nos Castelos, e as festas arrincarán mañá con Arizona

Se todo marcha segundo o previsto, este venres á tardiña comezará a preparación da gran lumeirada que arderá na praia de Covas, xunto ao monumento dos Castelos, na medianoite do domingo. Pero as festas do San Xoán comezarán antes, posto que mañá, sábado 22, haberá sesión vermú co grupo Arizona, que tocará tamén de noite coa Disco Móvil Chocolate. O domingo, sesión vermú con Saudade, e verbena con esta orquestra e con Tango, antes da Gran Lumeirada. O luns será o día grande, con pasarrúas coas gaitas de Cacharela de Covas desde as 11.00 horas, misa solemne con procesión ás 13.00 horas, e sesión vermú con Costa Dorada. De noite verbena con Costa Dorada e o grupo Cañón. O martes 25, pasarrúas con Non cho digo, sesión vermú con Solara e Gran Sardiñada (20 horas), antes da verbena. O martes 26 será o Día do Neno.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Sen os veciños de Covas non habería San Xoán, achegan o 50% do presuposto»