«Cada vez hai máis nenos con pais separados e iso repercute moito neles»

A mestra Ana Blanco López, que se xubila, destaca con cariño a «satisfacción» que sinte por ter dado clase 15 anos no colexio de Galdo, a súa parroquia natal


viveiro / la voz

Conta Ana Blanco López (Viveiro, 1959) que de pequena dicía que quería ser perruqueira, pero que «logo a vida» a foi levando polo camiño do ensino. «E a verdade é que lle estou moi agradecida porque foi unha profesión moi bonita, sempre en contacto cos nenos, que che transmiten moita enerxía, e sempre con alegría e moi ben», recoñece esta mestra de Primaria do CEIP Santa Rita de Galdo, en Viveiro, que vive a súa última semana como docente posto que se xubila.

-Cantos anos leva dando clase?

-En total son 35 porque aprobei a oposición en Madrid no ano 1983, pero chamáronme para traballar no 1984. Traballei alí, en Madrid, durante oito anos. Despois déronme a praza definitiva en Ortigueira, onde estiven 12 anos, e agora xa levo en Galdo 15, o que é unha satisfacción porque son de Galdo, vivo en Galdo e vinme achegando ata que cheguei á miña terra. É unha satisfacción estar entre xente coñecida, cos veciños de sempre.

-A xente quérelle moito e as familias comentan que é moi boa mestra. Que calidades debe ter un bo profesor?

-Penso que son unha máis. Procuro ser constante, levar as cousas ao día e ser próxima aos nenos, saber o que lles pasa. Intentar axudalos día a día.

-A relación cos nenos é básica...

-Ao principio leva un pouco adaptarse. Eles a ti e ti a eles, porque son nenos novos e ao mellor nos leva un mes ou mes e pico compenetrarnos. Pero logo enseguida nos adaptamos. Eles saben o que quero, o que espero deles, e eu tamén sei ata onde poden chegar máis ou menos. Sempre intentei sacar o mellor de cada un deles, pero hai veces que se consegue e veces que non tanto.

-Cal foi a súa maior satisfacción como mestra?

-Acórdome dunha anécdota dunha nena que foi alumna miña hai moitos anos, e cando se fixo grande dixo que quería ser mestra para parecerse a min. Aquilo encheume de orgullo e de satisfacción, e recordo aquel detalle.

-Outras veces levaría sorpresas...

-O alumno máis famoso que tiven eu é Adrián Ben, que destaca polo atletismo. E logo hai moitos outros aos que lles foi moi ben nos estudos...

-Adrián Ben é un símbolo para Viveiro e para o seu colexio...

-É un orgullo que saíra de aquí un atleta así. Era un neno que xa de pequeno se esforzaba moito. Era moi áxil, acababa enseguida, pero todo o facía ben.

-Como cambiaron os tempos desde que empezou a dar clase?

-Vexo moito cambio na ensinanza porque apareceron as novas tecnoloxías e a forma de ensinar está cambiando moitísimo. Tanto que a min algunha vez ata me custa un pouco adaptarme a tanto cambio. E na sociedade, cada vez hai máis familias desestruturadas. Cada vez hai máis nenos con pais separados, e todo iso repercute moito neles. Cada vez hai máis problemas deses e nótase porque están distintos, pasando por un momento difícil.

O xoves 27 os seus compañeiros faranlle unha homenaxe cunha comida no Fumeiro

Ana Blanco abandona a docencia de educación primaria despois de tres décadas e media «moi contenta» e coa «misión cumprida». «Fixen todo o que puiden, sempre se pode facer máis, pero eu din ata onde puiden e ben. E tamén me vou contenta porque nunca se me deu o caso de ter un accidente grave cun alumno, e para un mestre iso deber ser moi doloroso. Foi algo que sempre me preocupou», explica a profesora viveirense, que comenta que, sempre que tivo oporunitade, preferiu darlle clase aos nenos máis pequenos. «Sempre que podo quédome en primeiro e en segundo con nenos de 7 e 8 anos», sinala a mestra, que tamén agradece o cariño dos compañeiros. «Que sempre me apoiaron, sempre me axudaron», comenta. Proba dese aprezo é que os compañeiros están organizando para o próximo xoves, 27 de xuño, unha comida na súa honra no restaurante Fumeiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Cada vez hai máis nenos con pais separados e iso repercute moito neles»