«Na alforxa da bici coa que irei de Lannion a Viveiro levarei un quilo de pastillas»

Santi López Chao, veciño de Viveiro trasplantado de corazón, sinala que «ver como os órganos dun ser querido valen para algo» fomenta a doazón


viveiro / la voz

«A idea destes retos sempre é concienciar á xente de que o deporte é importante, pero sobre todo de que unha persoa transplantada pode facelo. Parece que non, pero iso axuda moito a fomentar a doazón porque á xente dálle a sensación de que os órganos do seu ser querido valen para algo». Con esta claridade se expresa Santi López Chao (Ourol, 1972), que foi transplantado de corazón no 2001 despois de sufrir un grave accidente de moto, e que este xoves comezará o seu novo desafío deportivo ao partir rumbo a Lannion, a cidade da Bretaña francesa coa que Viveiro está irmandada.

-En que consistirá este reto?

-Imos facer uns 2.000 quilómetros en bicicleta seguindo primeiro a Velodysee, unha ruta cicloturista que cruza Francia de norte a sur, e logo o Camiño Norte para chegar a Viveiro. A idea é facelos en 15 días. Saen sobre uns 130 e pico quilómetros diarios, pero complícaoo o feito de ir sen apoio externo porque levamos todo nós e pasamos dunha bici de carretera que podería pesar oito quilos a unha de 25. Ademais de levar todo o equipamento da bicicleta, toda a roupa para cambiarnos e as cousas de aseo, no meu caso levarei un quilo de pastillas da medicación que tomo.

-Cando sairán?

-Coas bicis saíremos de Lannion o sábado 8 pola mañá, pero a Lannion pásalle como a Viveiro, que está un pouco lonxe de todo, así que para que saia económico e a viaxe ata alí non se alongue moito, o xoves levarannos en coche ata Oviedo. De Oviedo iremos en autobús ata Bilbao, onde colleremos un avión a Nantes, e en Nantes colleremos un tren que nos levará a Lannion. Chegaremos alí o venres sobre as cinco da tarde para que nos dea tempo a montar as bicicletas, que imos enviar cunha empresa que se dedica ao tema dos peregrinos de Santiago.

-Quen o acompañará desta volta?

-Andrés Piñeiro, un amigo de Xove que fixo tamén a Transpirenaica, e outros dous rapaces de Xove que son irmáns, David e Jacobo Díaz, que tamén pertencen ao mesmo grupo dos que saímos nas bici andar por aquí. Temos as etapas medianamente trazadas, pero van depender un pouco da climatoloxía coa que nos atopemos e de como se vaian dando as cousas.

O ano pasado completou a Transpirenaica

Santi López Chao é membro de Deporte&Trasplante España (http://deporteytrasplanteespana.com/), unha asociación sen ánimo de lucro que, á través de distintas iniciativas relacionadas co deporte, quere concienciar á sociedade sobre a importancia de doar órganos, sangue ou médula ósea. Nesa liña, ano pasado o viveirense completou a durísima ruta Transpirenaica. Un ano atrás, no 2017, subira sete portos de montaña dos Pirineos en sete días.

Será recibido na Casa do Concello de Lannion, cidade irmandada con Viveiro desde o 1995

Antes de comezar a rodar, Santi López Chao e os seus tres compañeiros de aventura serán recibidos este sábado, 8 de xuño, pola mañá na Casa do Concello de Lannion polo concelleiro de Deportes desta cidade francesa coa que Viveiro está irmandada desde o ano 1995. Alí terá lugar a saída oficial deste reto cicloturista de dous mil quilómetros. «Temos un contacto en Francia, que é Philippe LeGoff, que estivo no comité de hermanamiento con Viveiro e mesmo viviu aquí tempadas. Falamos con el para coordinar un pouco todo porque hai que mandar as bicicletas para alá e necesitábamos unha casa que nolas recepcionara. E tamén nos buscou casas que nos dean aloxamento», sinala López Chao.

Presentación en Viveiro

Este martes ás 17 horas o reto será presentado no Concello de Viveiro, que se comprometeu a apoialo economicamente. Tamén patrocinan a iniciativa altruísta La Vivariense e Viveiro Bikes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Na alforxa da bici coa que irei de Lannion a Viveiro levarei un quilo de pastillas»