«Os produtos mariñáns teñen que darse a man»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

O viveirense Lucas Requejo impartirá con Suso Liste, Leticia Maceda e Olga Fraga curso da Mancomunidade

01 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mancomunidade iniciou unha oferta de formación gratuíta para axentes turísticos, comezando por un curso de inglés básico e continuando este luns 3 con outro de mellora gastronómica en produto local de 9 horas (en Hostalería no IES de Foz e na Casa do Forno de Celeiro en Viveiro, de 17.00 a 20.00). Impartirán Leticia Maceda, Olga Fraga, Suso Liste de Hostalería do IES de Foz e Lucas Requejo, delegado en Galicia da Fundación Ecotur que promove a «ecogastronomía». Anotan no tfno 654 089 894.

?O curso é «Mellora gastronómica». Que hai que mellorar?

?O que hai que mellorar máis ben é o relato gastronómico, é dicir, o que contamos coa gastronomía. O turista, sobre todo o que se achega a terras galegas, faino movido basicamente por dous factores: o ámbito cultural e o ámbito gastronómico. Curiosamente, miramos cara a Asturias, que está moi próxima, e tan sequera pasando o Eo atopamos táboas de queixos con denominacións de orixe, con apelidos e esencia asturiana, e aquí, que temos incluso queixos con premios nacionais e internacionais, dificilmente atopas unha táboa de queixos con D.O. galega. Poño iso de exemplo, pero é extrapolable a todo. Cantas empresas conserveiras mantén agora A Mariña e cantas delas atopamos a nivel de restauración ou de oferta gastronómica na Mariña? Escasas. Creo que, nese aspecto, tamén hai que saber interpretar o territorio como un todo. De aí a necesidade de entender que A Mariña non é só costa senón tamén interior. A nivel gastronómico iso fai ensalzar a oferta. Así podemos falar tanto do mel do Valadouro como da horta de Mondoñedo ou da faba de Lourenzá e todo iso mesturado cos produtos frescos ou máis recoñecidos como poden ser a pescada do pincho de Celeiro, o bonito de Burela... pero téñense que dar a man e promoverse conxuntamente e non cada organismo ou produtor pola súa propia conta. A veces miramos a outros territorios envexándolles a súa visibilidade con respecto ao turismo pero raras veces nos paramos a pensar na necesidade de unión tanto do empresariado que traballa en pro diso como das institucións públicas.

?A quen se dirixe o curso?

?Empregados e desempregrados, todos axentes turísticos, xente que ten que ver co turismo ou queira ter que ver.

?Que pautas se van dar?

?Son os axentes locais os que teñen que ser os verdadeiros artífices dese relato. Cada anaco ou local que visite o turista, a través do seu persoal, pode amosar o territorio. Por iso nós mesmos temos que coñecelo ben.

?Como se vai impartir?

?Os días 3 e 4 está dedicado á oferta vexetariana porque cada vez hai un aumento dese tipo de consumidor.

?Bótase de menos un restaurante vexetariano na Mariña.

?Non hai nada en toda A Mariña. Ou que aposte por ofrecer esa oferta vexetariana con outra pesqueira ou carnívora. Iso compre artellalo.

?Igual que un ecolóxico, habendo xa produto «km0».

?Non habería problema en defender un proxecto así. A base témola, pero iso fai tamén que nos custe tanto dárlle valor e representalo nas nosas cartas, por iso outro dos contidos do curso permitirá afondar no deseño dunha carta visual e atractiva.