«Non todo vale na política, e nin por ela nin por nada renunciaría á familia»

s. serantes VIVEIRO/ LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

Test moi persoal con María Loureiro, alcaldable do PSOE en Viveiro, quen promete «honradez, palabra moi repetida na campaña que nós acreditamos con feitos»

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Licenciada en Dereito, alcaldesa desde finais do 2013, despois do pasamento do seu predecesor, foi elixida por primeira vez no 2015. Despois de catro anos de goberno con maioría simple, María Loureiro García volve a liderar a candidatura do PSOE en Viveiro. Aos seus 38 anos, responde no festivo das Letras Galegas.

-Onde vive? Casa propia ou alugada?

-No casco histórico, con casa propia.

-Cantas horas dorme ao día? Lembra que soñou hoxe?

-Durmo entre cinco e seis horas. Hoxe estiven soñando coa campaña, coas visitas aos veciños, a onde teño que ir...

-Ve a televisión? Series, cine, informativos, documentais...? Ten plataformas de pago?

-Ultimamente non vexo a televisión. Si teño unha plataforma de pago, Netflix.

-Que libro volvería a ler?

-Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas. Desde que teño uso de razón, foi o primeiro que lin en galego e marcoume un pouco. Un agasallo de meu pai, que lin en varias etapas da miña vida. É un reflexo da Galicia das diferenzas sociais, a dos señoritos e a da xente do pobo, unha lección atemporal.

-Cando foi por última vez ao cine? Lembra a película?

-Non recordo, non porque non me guste, senón porque teño unha nena e un neno e, co tempo que lle dedico ao Concello, o pouco tempo libre é para eles, e el aínda é pequeno para o cine.

-Se lle desen a elixir, con quen tomaría algo agora mesmo?

-Co presidente do Goberno, con Pedro Sánchez.

-Café, caña, refresco, viño...?

-Café.

-A cal dos outros cinco candidatos de Viveiro convidaría?

-Agora mesmo, en campaña, a ningún.

-Cando foi por última vez a cear con amigos?

-Hai unha semana.

-Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería?

-Á praia de Covas. Teño moi bos recordos, de cando era moi pequena. Vivín nas casas baratas e as primeiras imaxes que lembro da nenez son aqueles días enteiros de praia, con miña nai, outra época feliz e plena.

-Ten coche? Cal e desde cando?

-Conduzo menos ao vivir no casco histórico, temos coche na familia, un Opel Insignia de segunda man mercado no 2013.

-Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?

-Non teño seguro privado de saúde. Tarxetas? Teño tres.

-A que non estaría disposta a renunciar pola actividade política?

-Nin pola política nin por nada renunciaría á miña familia. Pola política tampouco renunciaría aos meus principios básicos: a honradez, a humildade e a transparencia. Non todo vale na política, tampouco a falta de escrúpulos; se por política teño que traspasar algunha liña vermella, prefiro irme para a casa.

-Cal é a súa festa preferida en Viveiro?

-Moitas, porque todas e cada unha das que celebran teñen un significado. De ter que elixir, como son de Viveiro e crieime aquí, as do San Roque, porque son as que celebramos en familia.

-Que será o primeiro que fará o 27 de maio?

-Vir ao concello. Se son alcaldesa, continuar, e se non o son, continuar tamén, porque o concello non para e teño que seguir firmando documentos... Descansarei un pouco máis e virei ao concello.

«Na campaña repítense palabras como honradez, que nós acreditamos con feitos»

Despois do test moi persoal coa alcaldable viveirense do PSOE, toca a clave política, un mundo no que María Loureiro ten a experiencia de case seis anos como alcaldesa e outros seis como concelleira e man dereita do seu mentor, o finado Melchor Roel.

-Por que se presenta de novo ás eleccións?

-Trala morte de Melchor Roel a finais do 2013, exercín a alcaldía ata que no 2015 decidín presentarme por primeira vez como candidata. Nese ano houbo un cambio, empezamos un proxecto con nova xente e creo que debemos continuar porque somos conscientes de que nos quedan cousas por facer.

-A que pode comprometerse cos veciños?

-Comprométome, sobre todo, a exercer con transparencia, traballo e honradez, palabras que nas campañas repítense moito pero que nós acreditamos con feitos.

-Resuma en tres as súas principais prioridades para Viveiro.

-As prioridades son varias. Unha é seguir loitando por unhas boas infraestruturas, porque nas épocas de bonanza económica fomos relegados, desviaron a Transcantábrica para Vilalba, non hai autovía... Vertebrar as comunicacións co resto de Galicia e de España é imprescindible porque sen elas fréase a chegada de empresas, polo que continuaremos pelexando por esa necesidade imperiosa. As comunicación están directamente ligadas a outra prioridade básica, o emprego para todos, nomeadamente para a xuventude. Moi importantes sempre son o saneamento integral da ría e o plan urbanístico. Tamén seguiremos estendendo o saneamento aos núcleos rurais, que hai zonas que aínda non teñen.

-De saír elixida, cal sería a súa primeira decisión?

-Se os viveirenses volven a confiar en nós e saímos elixidos, formar goberno e estrutúralo de cara ao novo mandato, para continuar traballando por todas as veciñas e veciños.

-Se non houbera maiorías absolutas, prantéxanse pactos?

-Todo ao seu debido tempo; como calquera candidatura, presentámonos co obxectivo de gañar. O que si prometo, como fixen ata agora, é debater e procurar o consenso nos temas que son importantes para o concello de Viveiro. Agora mesmo non concibo ningún pacto.

-Que lle pediría aos viveirenses o día das eleccións, o 26M?

-Primeiro, que vaian a votar, porque a participación é moi importante e eles deciden. Que fagan un balance destes catro anos e que pensen. Xogámonos dous Viveiros: o de antes, do amiguismo e do caciquismo, onde o Concello estaba por riba e os veciños abaixo; e o de agora, onde o equipo de goberno é un veciño máis porque non lle debe nada a ninguén e só pensa en atender as demandas de todos os veciños, en traballar por eles.