«Polos viveirenses hai que traballar con honradez e deixarse de siglas»

s. o. VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

Luis Manuel García Otero, candidato de Son Viveiro Son En Común

15 may 2019 . Actualizado a las 12:16 h.

Sen previo aviso, o alcaldable de Son Viveiro Son En Común acepta falar da candidatura. De 64 anos, Luis Manuel García Otero, prexubilado aos 61, foi un dos membros do comité da actual Alcoa despedidos en 1988 polo conflito dos bidóns tóxicos do Casón. Número 10 no 2015, desde outubro do 2017 é a cara e a voz de Son Viveiro entre dezasete concelleiros. Vai de primeiro «coa ilusión dun de dezaoito anos, porque son novo en política». Concorre coa convicción de que se pode «conseguir todo con traballo, honradez e transparencia, que é o noso slogan».

Explícase: «Aínda ser ter representación na Xunta nin en ningún sitio, se es capaz de consensuar no Concello tes máis fácil abrir as portas fóra. O que non se pode é ir como se está indo, cada uno polo seu lado». Pon un exemplo do que di sentirse «orgulloso, é unha das miñas satisfaccións como concelleiro. Co insignificante que somos como forza no Concello só podía prometer apoio indefinido» no traslado da Escola de Idiomas, e deixarlle edificio a Aspanane para crear en Viveiro a primeira residencia de discapacitados intelectuais da Mariña. «No Concello apoiamos todos, logo entrou a Deputación, a Xunta despois e ao final o Goberno central».

García Otero teno claro: «Iso é o que hai facer polos cidadáns, traballar, unificar e deixarse de siglas, porque as Administracións son meras xestoras do diñeiro que achegamos todos». Para a candidatura que encabeza, «Viveiro é a única meta, o noso único obxectivo, e temos claro a onde chega o noso ámbito e o que se pode facer desde un Concello».

Dito iso, engade: «O que non se pode é vir en campaña electoral a facer unha ponte ou non sei que, porque o diñeiro que xestionan as Administracións ten que reverter no cidadán segundo as necesidades e circunstancias de cada lugar en cada momento, e non utilizándoo como se usa». Outra máis: «Non se pode ter o problema do emisario de Celeiro tres anos e vendelo como unha gran cousa na campaña cando ata o 2022 non vai a estar rematado o saneamento. Non se pode vender esta moto cando estades contaminando a nosa praia e a ría, e atentando contra a nosa saúde».

«Grazas á confianza que nos amosa a veciñanza e pola forza e apoio que nos dan», en Son Viveiro móstranse «convencidos de ser a sorpresa» electoral do 26M. Concorren coas «credenciais de catro anos de traballo amplísimo, demostrando que somos a voz dos cidadáns», nunha formación onde «ten a mesma importancia o número un que o vinte, porque as nosas decisións son asemblearias, aínda que hai xente que non o cre», subliña.

Defínense como «o espazo de unidade da esquerda viveirense», un equipo «moi capaz e cunha traxectoria política, sindical e participación veciñal contrastada, con mocidade e veteranía». Todos «dispostos a traballar con honestidade por Viveiro, que é o noso único obxectivo».