«O parque de aventuras de San Roque vai ser un verdadeiro exitazo»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

Manuel Insua Díaz, «Manolito», antigo futbolista moi aprezado, colabora na maioría de actos que se organizan en Viveiro

05 may 2019 . Actualizado a las 21:15 h.

Moitos lucenses recordarán a Manuel Insua Díaz, Manolito, como xogador do Viveiro, do Mindoniense e do Valadouro, ou como adestrador do Foz; pero o que moita xente descoñece é que hoxe en día, xa retirado do mundo do fútbol e prexubilado de Alcoa, é unha das persoas máis polifacéticas e queridas de Viveiro, volcada sempre co Carnaval, co Mercado Renacentista, coa Semana Santa ou coas festas patronais de agosto, pero tamén coa Comunidade de Montes de San Roque, que coida a diario dunha das paraxes naturais máis importantes da provincia, e que en apenas un mes estreará, en colaboración coa empresa RoqSport, un parque de aventuras con xogos en altura entre as árbores que se converterá noutro referente turístico. «O parque de aventuras de San Roque vai ser un auténtico exitazo», destaca.

-Moita xente coñéceo polo fútbol..., cando se vinculou a este deporte?

-Nacín no 1956 na rúa da Virxe de Lourdes, no casco histórico de Viveiro, e daquela todos nos fomos criando no Frente Xuventudes, onde xogabamos a baloncesto, a balonmán, dábamos as primeiras patadas no fútbol... Tamén facía campo a través, practicamente dedicábame a todo o deporte. Á vez tocaba o clarinete na Banda Municipal de Viveiro, onde estiven once anos, pero chegou o momento en que tiñamos que elixir e decanteime polo fútbol.

-¿Podería recordar brevemente a súa traxectoria futbolística?

-Empecei cos xuvenís do Viveiro, aínda que xa xogaba co Viveiro grande. Xoguei moitos anos en Terceira División, pero logo, por motivos de traballo, cando veu a fábrica de Aluminio e entrei a traballar a turnos, xa me era incompatible seguir no Viveiro, e pasei a outro equipo da Mariña, que era o Valadouro. Despois fichei para reforzar ao Mondoñedo, que estaba para descender. Chamoume Gayol, tivemos unha boa tempada e acabamos ascendendo a Terceira. E o máis bonito foi que me volvín enfrontar ao meu propio equipo na casa en Terceira.

-Cando colgou as botas como xogador, pasou ao banquillo...

-Retireime do fútbol aos 34 anos no Mondoñedo, en Terceira División, e fichei polo Viveiro como adestrador dos xuvenís. Aquel ano ascendemos á Liga Galega, onde estivemos moitos anos. E logo, un grupo de compañeiros como Basanta, Navarrete, Castro e algúns máis que me quedan no tinteiro, creamos a escola de fútbol do Viveiro, que hoxe en día aínda está aí. O club tiña infantís, cadetes e xuvenís, pero démonos conta de que de aí para abaixo non había nada e había moito neno que practicaba e quería xogar. Creamos a cadea desde prebenxamíns, benxamíns e alevíns. Foi un grande éxito que aínda está aí. E logo aínda seguín como adestrador do Club Deportivo Foz, do que teño gratos recordos. Agora estou totalmente desvinculado do fútbol, pero ando noutras facetas...

-Poderíase dicir de vostede que é «viveirense cen por cen»...

-Sempre intento estar nos Carnavais cos compañeiros, na Renacentista... Colaboro na Semana Santa no que podo, sobre todo cos tambores coa cofradía de La Piedad. E logo estou na Comunidade de Montes de San Roque, traballando co presidente, Carlos Méndez, e coa xunta rectora, intentando ter o monte o máis bonito posible. Non hai excursión que veña que non veña a San Roque. Colaboro en todo o que podo. Cando é día de festa, pois imos todos á festa. Cando é Semana Santa, pois imos todos á Semana Santa. Intentar botar unha man en todo o que poidamos mentres poidamos é importantísimo.

«Un dos mellores recordos que teño do fútbol foi enfrontarme na casa co Mindoniense ao Viveiro en Terceira División»

«Meterme en política era o que me faltaba, pero vou con moita ilusión e ganas» 

Despois de estudar Maestría Industrial pola rama de Electricidade na antiga Maestría de Viveiro, hoxe IES María Sarmiento, Manuel Insua Díaz entrou a traballar na fábrica de Alúmina-Aluminio (actual Alcoa). «Botei 35 anos traballando no laboratorio», explica, antes de comentar que como agora está prexubilado aínda ten que ir todos os anos traballar unha tempada. «Pero lévoo ben», bromea o que foi interior e central de varios equipos de fútbol mariñáns, e que é un grande afeccionado aos beléns. «Tamén son belenista, sempre me gustou facelos. Fago as figuras de cobre e logo vístoas e doulles movemento. E na Comunidade de Montes facemos o ‘misterio’ a tamaño natural na capela», indica Manolito, que ademais é un dos responsables de conservar a tradición de engalanar a calle Luis Trelles polas festas de Viveiro. «É unha tradición que collemos de nosos pais porque antigamente adornábanse as calles polas festas e non queremos perder esa tradición», sinala o ex deportista.

?¿Segue practicando algún deporte?

?A alimentación si que a coido por motivos de saúde, pero deporte non podo facer nada porque estou pendente dunha pequena operación. O que si fago é andar todos os días dez ou once quilómetros. Dáme tempo para todo.

?E por se non tivera pouco, o 26 de maio concorrerá ás eleccións municipais por Por Viveiro, con Bernardo Fraga...

?A política realmente era o que me faltaba! [sorrí] Imos sen siglas. Somos un partido independente con xente que quere colaborar polo pobo para melloralo no posible. Pero vou con moita ilusión e moitas ganas. E se pode ser, perfecto, e se non pode ser, pois nada.