«Os tempos de hoxe van un pouco mal, pero prefíroos aos de antes»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

«Fame nunca pasei, agora que ganas de moitas cousas dende que vin para Viveiro si que tiven», sinala a vicedense

12 abr 2019 . Actualizado a las 22:25 h.

Isabel García Sierra (O Folgueiro, O Vicedo, 1918) ten 101 anos, dous meses e 9 días. Condensar tanto tempo nunha hora de conversa non é tarefa fácil, e menos se enfronte está unha muller que desprende alegría, fai gancho de marabilla, é seguidora de Pasapalabra e non perdoa o paseo co seu neto e neta política, pois necesita axuda, tras baixar os 49 chanzos que separan o seu fogar en Viveiro da rúa. Tivo dous fillos, tres netos e tres bisnetos.

-Homenaxeárona como a máis maior no Encontro de Palilleiras do concello de Cervo en San Cibrao.

-[Ri] Puxéronme un ano máis! Xa nunca pensei chegar aos cen.

-Como é o seu día a día?

-Levántome ás nove e media, pero estou esperta dende as oito. Vou ao cuarto de baño, vístome e almorzo Eko con leite. Algunha mañá teño que saír ao médico. E paseo, pero soa non podo, ata «os chinitos»; sentámonos en tres sitios ou catro, se fai falla...

-Gústalle ver a televisión?

-De noite, despois de cear. Gústame moito Pasapalabra. E calcetar, ganchillar, bordar, palillos...

-Cando vai ao médico, que lle di?

-[Contesta Mari, neta política, mentres prepara o café] Que está como de quince, feita unha moza!

-Cantos irmáns foron na familia?

-Oito, 5 mulleres e 3 homes.

-Como lembra a infancia?

-De 10 anos xa vin a Viveiro vender carozas, cunha burra vella [ri]. Eran para acender o lume. E fun á escola unha semana en toda a miña vida. Cando se empezou a guerra non sabía poñer o meu nome pero a necesidade obrigoume. Deféndome. Fame nunca a pasei, agora que ganas de moitas cousas dende que vin para Viveiro si que tiven. Vin antes de casar, para xunto de meus avós. Eu era afillada deles e chamáronme para que os coidara. E despois da guerra chorei para que me deixaran aprender a coser. Así, xa me metín a coser polas casas. Cosía de todo.

-Cóntanme que é dos «camineros». Por que ese alcume familiar?

-Meu pai (Antonio) era caminero. Era o que limpaba as cunetas e botaba a terra na estrada; foi trasladado á Pontenova o primeiro ano da guerra. Meu avó paterno foi carabineiro de Afonso XIII. Podes ver a foto... E miña nai chamábase Rosita.

-Ela a que se dedicou?

-A coidar oito fillos. Xa tiña bastante [ri]. Dá 40 veces máis traballo criar un hoxe que oito naquel tempo. Casei de 27 anos [con Ramón; leva 47 anos viúva] e estreei un par de zapatos en todo o tempo. Agora tes pares e pares.

-Como pasou a guerra?

-Moi mal, ao ver os homes como cando van os cabalos ao monte... Moitos escribíanme como se fose «madriña de guerra» e así aprendín a escribir e a ler. Ao primeiro fixen unha carta copiando por outra sentada no medio do trigo. Tamén cavei na roza e vareei castiñeiros vestida de home, porque coas saias non podía.

-Ten moreas de anécdotas...

-Tamén recordo que un día viña con miña nai a Viveiro, coa burra vella. Ela foi facer as compras e deixoume sentada na esquina do peirao. Era día de Reis. Viñan dúas pequenas coas súas bonecas. Fun detrás delas. Se van soas, roubo unha e marcho, deixo a burra e todo! Senteime a chorar e preguntoume miña nai: “Que, neniña, que che fixeron?”. E conteille. “Cala neniña, cala”, díxome. Foise. De alí un cacho volveu. Comprárame unha «pepona». Que alegría máis grande!

-Como ve os tempos de hoxe?

-Van un pouco... [pensa] mal. Quero dicir, esaxerado. Pero prefiro os de agora que os de antes.

-Viaxou algo polo mundo?

-Madrid, Benidorm, Torremolinos, Barcelona, Mallorca, as Canarias, Portugal... E fixen teatro.

-Que hai que facer para durar?

-Non sei. Pero as mulleres antes non fumaban. Comíase doutra forma, máis san, pero non se abusaba coma agora. Non nos deitabamos tan tarde nin andabamos de noite coma agora. Agora non se priva un de nada, pero o corpo as fai e o corpo as paga.