'Poñer música ao Adral e á Semana Santa viveirense é unha gran responsabilidade'

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

O Landro ofrecerá este sábado un concerto nese ciclo, ás 20.30 horas na igrexa de Santa María en Viveiro

29 mar 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

Morte e resurrección é o título do concerto que a Banda Municipal de Música O Landro, baixo a batuta de Carlos Timiraos, ofrecerá este sábado día 30 dentro do programa Adral. «Intentamos que todos os concertos sexan especiais pero este é distinto», suliña.

-Por que?

-Nesta ocasión, o programa Adral deume a oportunidade de programar unha música que, se non fose por esta antesala, non poderiamos facer noutro momento. É un concerto cunhas obras que, por dificultade e grandeza instrumental, non poderiamos abordar no resto do ano. O concerto está centrado en elexías, composicións vocais ou instrumentais; neste caso, as que facemos son dunha grandeza instrumental e dunha diversidade de instrumentos que nunca abordamos. Xa que tiña esta bala para poder gastar neste concerto, non podía evitar facer a Terceira Sinfonía de James Barnes. Esta é unha opinión persoal, para min é unha das obras de arte máis belas; nela o compositor lembra a morte da súa filla Natalia e trasládanos a un universo no que é un pracer escoitar esta peza. Ademais, somos afortunados por facelo dentro do Adral.

-¿Que valor ten ese ciclo?

-O Adral está centrado en música feita en Viveiro e para Viveiro. Eu intentei sempre que os concertos de O Landro fosen temáticos e ligados á semana grande.

-Cantos músicos hai hoxe na banda?

-A nosa plantilla estable son 50 músicos e son os que seremos. En Semana Santa seremos máis. Para a Banda O Landro, poñer música tanto ao Adral como á Semana Santa viveirense é unha gran responsabilidade. A música esperta sentimentos nela. É todo un gran cóctel de grandeza xunto coas procesións. A Banda leva acadado moitos éxitos, varias xeracións pasaron por ela e a nivel de Galicia ten un nome tamén grazas ao seu traballo nesa semana.