«A relación entre Fran e os artistas era próxima, máis alá do profesional»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

O hotel Val do Naseiro acollerá esta noite a especial homenaxe ao empresario

11 ene 2019 . Actualizado a las 12:54 h.

O hotel Val do Naseiro en Viveiro volve mobilizarse pola causa do cancro. E, de novo, a resposta do público, esencial, é digna de subliñar. Arredor de 200 persoas achegarán hoxe o seu importante gran de area na primeira gala benéfica que o establecemento fará en homenaxe a Fran, o do Café Concerto, un festival solidario na memoria do empresario Fran Loureiro, coa presenza enriba do escenario de nin máis nin menos que uns 25 artistas que dixeron «si» rotundamente, lembrando a aposta del pola música en directo a través do seu local, que funcionou entre 1988 e 2005. Outros máis quixeran estar presentes pero, por diversas razóns, non puideron acudir á cita de hoxe.

-Como xurdiu a idea da gala?

-Levaba unha temporada longa cocéndose. Abilio Golpe e Ángeles (viúva de Fran e copropietaria do Val do Naseiro) querían facer un festival que servira ao mesmo tempo de axuda na loita contra o cancro. Había que pensar en datas concretas para contar cos artistas e que todo o mundo puidese vir e participar esa noite, pero que sobre todo estiveran os máis vinculados co café.

-Cantos artistas xuntan?

-Preto dos 25, tendo en conta que algúns veñen de fóra: Zaragoza, Santander, Valladolid, Madrid... Era bastante complexo reunir a todos os que querían vir; outros non puideron facelo, por distancias e indispoñibilidade.

-Ademais, a causa acostuma ter unha elevada resposta social hoxe.

-Á colaboración contra o cancro sumámonos todos porque é a lotaría que che pode tocar en calquera momento. Por outro lado, falamos dunha época na que os artistas viñamos incluso unha semana enteira ao café concerto, pero non era só vir ao local a tocar. Era unha vinculación coa familia, co persoal, e facías ata relación tamén de amizade cos clientes. Naquela época a crise non afectaba tanto ás noites de copas. Eu vin entre os anos 1999 e 2003. Aquí vinculeime ademais emotivamente, porque miña nai, de Magazos, era prima de Carolino. O café concerto de Fran era un punto de encontro máis familiar que artístico. A relación entre Fran e artistas era algo próximo.

-Esta gala pode entenderse tamén como unha «débeda» emocional dos artistas con Fran?

-Si, pois é tamén devolverlle a gratitude de darnos a oportunidade no seu día de coñecer unha vila tan marabillosa como é Viveiro e o son as súas xentes. Aquela era unha relación próxima, que ía máis alá do profesional.

-Prevén algunha «sorpresa»?

-Hai pequenas preparadas, que non se poden contar de momento, pois estamos perfilando os últimos detalles. Vai haber espectáculos de maxia e posiblemente audios e vídeos de artistas que non poden acompañarnos.

-Locais coma aquel de Fran, cantos quedarían actualmente?

-Quedan poucos e os que quedan estanse reinventando. Daquela época a xente ía á sala a escoitar música, non a bailar. Tiñas a disposición un pequeno auditorio. Hoxe a xente vai máis a bailar.

Máis de 25 artistas achegan hoxe cunha actuación o seu gran de area na súa memoria

A gala benéfica será este venres día 11 no hotel Val do Naseiro, en Viveiro, comezando arredor das 20.30 horas. Primeiro haberá un aperitivo, unha exposición a modo de retrospectiva visual do que foi o Café Concerto Fran, con detalles do local, fotografías, cadros, colaxes con fotos dos artistas que pasaron por alí... Os que tiñan confirmada onte a súa asistencia e con actuación incluída son: Carlos Manteiga, Xilo, Armando, Guillermo, Pedro Bandera, Carlos Boente, Iván Gámez, Juan Chastton, Juan NBA Chastton, Melchor Rodo, Toni Cazas, Pedro Corral, Suso Botana, José Antonio Pahíno, Chaves, Scott Mago, Carmen María, Maricha, Carmen de Cádeiz, Mercedes Ben Salah, Marietta, Ana Cristina, Icíar Ibarrondo, Coral, dúo Imagen, Dúo Ciclón, Trío Boreal e Chastton Show.

«A cea son 60 euros e van íntegros para a loita contra o cancro»

-Como será a recadación para a loita contra o cancro nesta gala?

-A cea ten un custo de 60 euros e van íntegros á Asociación de Loita Contra o Cancro (AECC). Abilio Golpe vaise facer cargo de todos os custos e os artistas participamos de forma altruísta. A resposta deles foi inmediata. Tamén temos que agradecer que houbo moitos compañeiros que, aínda que non coñeceron o café concerto, querían sumarse a esta causa, pero polo factor tempo éranos imposible encaixalos a todos. Se non, acabariamos facendo unha maratón de nove horas!

-Con cantos inscritos prevén contar na gala desta noite?

-Onte [por antonte] estivemos facendo a preparación do salón e quedaba algunha praza. Pero, practicamente, está cheo. Serán preto de 200 persoas. En primeiro lugar, seguro que hai moita xente que non chegara a coñecer nin o café nin a Fran, pero que pola xente máis veterana de Viveiro teña algún recordo. Hai que ter en conta que o local que ten Abilio era o antigo Café Concerto Fran. Aínda hai esa esencia.

-Non debe ser doado xuntar a tantos artistas para actuar nunha mesma noite. Ao fin e ao cabo son compañeiros e seguro que algúns hai tempo que non se atopaban xuntos en escenario.

-Claro! Tamén gozaremos nosoutros, os artistas, porque esta será unha cita na que algúns imos reencontrarnos con xente que ao mellor hai 10 ou 15 anos que non vemos.