«Este foi un dos mellores investimentos da miña vida»

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

El viveirense Antonio Abril, secretario general de Inditex,  sufragou a nova cúpula da igrexa parroquial de vieiro

14 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A parte artística da nova cúpula da igrexa de Vieiro en Viveiro correspondeu a David Catá. Foi unha obra que tivo o seu custe económico, que financiou o tamén viveirense Antonio Abril Abadín (Viveiro, 1957), quen amosa o seu máis profundo orgullo ante a peza denominada Pulchra ut Luna. El, abogado do Estado, secretario xeneral de Inditex, explica como naceu o proxecto local.

?Vostede naceu en Viveiro...

?Si, nacín en Viveiro. De Galdo era meu avó Vicente Abadín e miña avoa, de Viveiro. Cando el voltou de Cuba fixo a casa, un pazo, que ainda está hoxe en Vieiro. De aí que eu teña unha triple vinculación con Galdo, con Vieiro e con Viveiro(...) Alí están as miñas orixes e as miñas raíces maternas e pasei momentos marabillosos da miña infancia e da miña adolescencia.

?Todas esas lembranzas terán moito que ver con este gran de area que aporta a Vieiro, non?

?Ten todo que ver porque penso que os que podemos facelo, temos un compromiso cos sitios da nosa orixe e das nosas raíces. Ademais, da miña familia sempre houbo unha tradición de apoio ás igrexas de Vieiro e de Galdo. Hai figuras e pasos da Semana Santa que foron cedidos polo meu avó e polo meu tío-avó e en Galdo o terreo onde está o cemiterio foi cedido polo meu avó. Procuro facer de cando en vez algunha cousiña que podo permitirme para mellorar a situación desas igrexas e facer algunha cousa en Viveiro. Tamén teño un compromiso coa Semana Santa de Viveiro, da que fun pregoeiro no 2011. Estou moi vencellado ás miñas orixes porque fun moi feliz alí e iso hai que agradecelo, retribuilo e recompensalo dalgunha maneira e cando se pode.

?Como valoraría o resultado final da cúpula en Vieiro?

?Quedou preciosa. Démoslle moitas voltas Luis e máis eu, vendo que podiamos facer, obras de reforma, reparación... Xa fixen hai un tempo unha restauración dos cadros que están alí na igrexa. Dándolle voltas, Luis dixo un día «o teito da cúpula non está nada bonito». Decidimos facer unha cousa maior para varios anos. Falei con varios artistas e recibimos distintos proxectos. O que máis nos gustou foi o de David Catá por moitas razóns. Primeiro, porque é unha persoa de Viveiro e polo tanto se a pintura da cúpula da igrexa a podía facer unha persoa local moitísimo mellor. Logo, porque é un artista novo con moita traxectoria, ilusión e capacidade. Dalgunha maneira era manter o compromiso de vinculación coa terra, coas orixes... Pechabamos o círculo. Falei con David e decidimos facer o proxecto, dinlle ideas, visitei o seu estudo varias veces e encantoume dende o principio. Cando fun vela quedei encantado. É algo distinto que lle vai dar un pulo novo á igrexa de Vieiro.

?Síntoo moi satisfeito.

?Foi un dos mellores investimentos da miña vida e que quedará para o disfrute dos veciños e veciñas de Vieiro por séculos.