«Coa Festa Labrega rememoramos os tempos de antes, sen tanto estrés»

Desde mañá ata o domingo en Landrove volverán aos anos 50 sen que falte de nada

.

viveiro / la voz

Tempo atrás, nos anos 50, o mundo rural era diferente a como o vemos hoxe en día. Pero hai quen ten nostalxia e morriña daquel modo de vida. Carmen Varela, namorada de Landrove, de 29 anos de idade, presidenta da A.C.D. Pequenos Pasos, pensou un día en reivindicar ese sentimento «slow» fondamente arraigado nas aldeas e que nunca deberiamos ter deixado atrás. Así nacía a Festa Labrega que do 13 ao 15 chegará á súa terceira edición, con Olimpiadas Rurais incluidas.

-Farán a edición número 3. Cando cheguen á 30, como cre que estará o mundo rural daquela?

-Desaparecido, creo. Con esta festa queremos rememorar tempos de antes, volver atrás e intentar «vivir» o que viviron nos anos 50 pero con algo de humor.

-É que daquela, realmente, habería «penurias» no rural.

-Por iso. Cando fixemos a asociación foi para que a xente se rira, de feito os videos promocionais da festa son así. Nos anos 50, supoño, estarían cansos de traballar, do traballo á casa e da casa ao traballo...

-Tamén as festas se vivirían doutro xeito, moi diferente a hoxe.

-Seguro para eles unha festa era moito mellor que todo o que organizamos nós agora. Hoxe parece que nos fai falla todo, permisos de todo tipo, etcétera.

-E daquela disfrutaban das festas, ademáis sen móbil no peto.

-Si! Disfrutaban da festa sen andar pendentes do móbil. Ata o propuxen na directiva, unha festa sen móbil pero se poño «prohido móbil» daquela non teño a ninguén na festa, seguro.

-Vese que hai un sentimento de orgullo rural. Que queren reivindicar ao mesmo tempo?

-Pois a tranqilidade daquela época, non había tanto estrés. De feito, agora cóllesme comendo. O tempo non estaba marcado, hoxe vivimos nun estrés continuo.

-Unha festa, ademais, con espírito deportivo: Olimpiadas.

-Naceron coa idea de que non haxa competición dura. Ao contrario, cambiamos o xogo este ano para que ninguén se enfade e a xente se ría, con xogos de antes... O ano pasado, de cachondeo si pero «a min dame puntos que quero gañar». Veñen equipos de outras parroquias, teño o cupo cheo. Este ano temos cinco.

-Este ano, houbo video?

-Si e gustou bastante. Ten bastantes likes nas redes. E foi o ano que máis chamadas tiven.

Votación
1 votos
Comentarios

«Coa Festa Labrega rememoramos os tempos de antes, sen tanto estrés»