Máis de dous mil alumnos, na defensa do galego a través do Correlingua en Viveiro

VIVEIRO

A edición mariñá batiu récord de participación con escolares de infantil, primaria e secundaria

09 may 2017 . Actualizado a las 21:42 h.

O tempo primaveral axudou a que o Correlingua batera este ano récord de participación na Mariña, contando nesta edición con máis de dous mil alumnos da comarca paso a paso ou correndo en Viveiro baixo o lema "En galego, sen cancelas". Moita xente nova arroupando o seu idioma e dándolle máis vida en tempos difíciles nos que as estatísticas constatan a perda de galegofalantes. De aí a importancia dunha cita como o Correlingua, baixo a organización de CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración na cita mariñá do Concello de Viveiro.

Nenos e adolescentes, xeracións de diferentes idades, compartiron espazo na cidade do Landro nunha mañá do máis reivindicativa, os máis pequenos dando un paseo dende a zona do pavillón deportivo ata a Praza Maior onde os agardaba Cé Orquestra Pantasma para entretelos e facerlles bailar e os máis grandes correndo. A festa final contou coa coñecida actriz galega Isabel Risco de presentadora do evento que tamén deu a coñecer máis talentos, como as animacións musicais do IES de Foz. Un dos grupos gañadores do concurso Cantalingua e Alberto Sobrado puxeron a nota musical da xornada, na que a lectura do manifesto correu a cargo de alumnos do CEP Lois Tobío de Viveiro.