
Os dous xóvenes, nados en Viveiro, teñen seguidores incluso desde Rusia
01 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Diana Fernández Gómez (Viveiro, 1989) e David Díaz Díaz (Viveiro, 1988) comparten vida e paixóns, pola lingua galega e pola cociña. Os dous son filólogos, e reparten o tempo que lles deixa a súa actividade profesional -David como técnico de Cultura en Ribadeo e Diana impartindo clases particulares na Coruña- xestionando o blogue Bolboretas no Bandullo, que naceu fai dous anos e xa ten seguidores, «incluso desde Rusia, o que foi toda unha sorpresa». E por extensión «ven demostrar que hai moitos galegos espallados polo mundo».
Chámase bolboretasnobandullo.blogspot.com, e explican os seus promotores, «o que máis nos interesa é desfrutar da nosa paixón ao tempo que contribuímos á normalización do idioma na rede». Cociñan os dous, pero Diana está «máis centrada na creación gastronómica» e David «na difusión do blogue», que aínda que non se centra só na gastronomía galega, non deixa de lado a autores como Cunqueiro ou mesmo Picadillo, dous nomes clave na cociña da terra.
Bolboreteando coa cultura
«É un proxecto humilde que aínda non ten moita difusión, se ben algún dos escritores galegos xa nos promociona», conta David. De feito á proxección en ascenso do blogue contribúen as entrevistas a personaxes da cultura e mesmo do deporte que incorporan desde fai un tempo e que fixo que «dera un salto de calidade» en canto a coñecemento do público. Neste apartado denominado «Bolboroteando con...» a última protagonista falou dende Alemania, e non é outra que «a mellor futbolista galega, Vero Boquete». Nesa entrevista descobren para os internautas que a deportista, á que lle gusta cociñar, pero tamén comer ben, e de coñecer unha ampla oferta gastronómica do mundo, considera que «mellorar o polbo, percebes, empanada, tortilla, xamón, queixo, filloas e o largo etcétera é misión imposible». Bolborotean así sobre gastronomía e formas de vida con xente como os escritores Rosa Aneiros, Miro Villar ou Helena Villar, quen por certo, comparte con eles a súa receita de arroz con polo e cogomelo, ao actor Miguel Borines ou creadores como Leandro Lamas, e as súas verduras á prancha con guacamole, entre outros.
O éxito dun blogue con está só nos contidos, tamén na periodicidade coa que os seus promotores o moven. Así, as novas entradas están fixadas sempre para os martes e os sábados. Hoxe de feito a proposta culinaria é sabrosa e apta para facer en calquera momento, unha pizza rápida, como a chama Diana. Pero un repaso as receitas permiten achegarnos a un mundo de sabores diferentes e de elaboracións diferentes. Así, comparten protagonismo unha ensalada de quinoa, cun brownie con crema de queixo, un cocido bolboreteiro. En cociña rápida David e Diana propoñen croquetas de brócoli e cenoria, a pizza vexetal con masa de centeo, ou os cogomelos recheos. Hai receitas fugaces, como as táboas de gruyère empanado ou os flocos de millo ao curry, entre outras propostas, sen faltar as larpeiradas, cun amplo capítulo, que inclúe desde o turrón caseiro de chocolate con arroz inchado e avelás á crema fría de chocobanana.
Os xoves viveirenses resaltan que xunto á cociña «o compromiso co idioma estará presente», sen descartar mergullarse nas receitas da vella cociña galega en simbioses coas novas propostas.