Éxodo urbano

Mayra García Bermúdez DECOTÍO

TRABADA

13 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise do covid-19 que estamos a padecer nestes días parece manifestarse de forma desigual nos distintos territorios. O rural galego, malia contar cunha poboación notablemente envellecida, presenta a día de hoxe unha clara menor incidencia do virus con respecto a outras áreas de maior poboación, e todo indica que a dispersión foi o factor que contribuíu en gran medida a evitar a rápida propagación da enfermidade.

Por outra banda, esta crise evidenciou o valor das actividades desenvoltas polo sector primario, cuxa función, cubrindo unha das necesidades máis básicas do ser humano -a alimentación-, non sempre é visible ou recoñecida. O rural acolle dende sempre as actividades deste sector estratéxico, declarado durante a crise como actividade esencial, e que constitúe un piar fundamental para a economía local, xerando renda e emprego. Por todo isto, non debe esquecerse nunca a loita que estes traballadores manteñen na reivindicación da terra, da agricultura e do dereito a obter unha rendibilidade do seu traballo, cuns prezos xustos para a produción.

Pero esta realidade rural non evita que nos esteamos a enfrontar, coma no resto do territorio, a unha grande incerteza, sobre todo no eido da educación, que afecta á parte máis vulnerable da poboación: os nenos e as nenas. Como vai ser a conciliación laboral e familiar? Establecerase a obriga de alternar aulas presenciais e telemáticas? Son os nenos os grandes prexudicados malia non padeceren, en principio, a peor cara do virus?

A educación en liña está a permitir manter a rutina dos e das estudantes, e axuda a continuar, en parte, a súa formación e o seu desenvolvemento nestes duros momentos. Aínda así, a educación presencial parece postularse insubstituíble. Non debe ser outro o lugar senón o colexio, un espazo común e compartido, onde alumnado e profesorado leven a cabo o proceso de ensino-aprendizaxe de forma completa e sen fisuras, compartindo espazo e vivencias, sobre todo nas etapas máis baixas: educación infantil e primaria. Trabada, e outros concellos rurais da contorna, levan décadas perdendo poboación, o que implica unha baixada no número de matrículas de estudantes. Por esta banda, o colexio de Trabada conta con aulas adaptadas a moito máis alumnado do que a día de hoxe ten, o que supón unha grande oportunidade nun momento onde a falta de espazo está a supor problemas noutras vilas máis grandes.

O Concello de Trabada tiña previsto este ano implantar o programa de madrugadores, habendo un número mínimo de demandantes, como un servizo máis que ofrecerlle ás familias, engadido aos programas de conciliación que se fan polas tardes durante o curso escolar, aos campamentos de verán ou á posta en marcha do punto de atención á infancia de 0 a 3 anos.

Sen dúbida, as crises abren ventás de oportunidades. O rural concentra tan só o 12,5 % da poboación española, pero alberga o 80 % do territorio do país. O rural produce alimentos, enerxía… É o pulmón da sociedade, unha sociedade que agora, máis ca nunca, necesita que se garanta a accesibilidade aos servizos públicos e de calidade.

É polo que dende as Administracións públicas temos que garantir centros educativos, servizos sanitarios, sociais… que, en definitiva, teñen moito que ver para que a cidadanía tome a decisión de quedar ou volver ao rural.

Porque é posible que o sucedido nos leve tamén a reflexionar sobre como habitar o territorio. Será a época do éxodo urbano? O ámbito urbano non é sostible, nin o único modelo posible para brindar oportunidades aos cidadáns para desenvolver os seus proxectos vitais.