«¿Por que tantas mulleres? Hai que rodearse de persoas dispostas a dedicar tempo ós veciños»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO TRABADA / LA VOZ

TRABADA

ALBERTO LÓPEZ

«O fundamental é darlle servizos á xente para que se quede no rural», reconoce a rexedora de Trabada que lidera unha candidatura integrada por 7 mulleres e dous homes

25 abr 2019 . Actualizado a las 22:33 h.

«Non me gusta vender fume». E tampouco se caracteriza por ser unha persoa mediática. Interrumpimos a Mayra García Bermúdez no día de apertura da residencia de maiores do municipio. Ela cre que o máis importante en política é traballar por e para os veciños. A rexedora de Trabada (1.116 habitantes) repite novamente como candidata do PSOE á alcaldía e faino cunha candidatura integrada maioritariamente por mulleres: sete dun total de nove membros. Hai catro anos descubriuse como toda unha revelación ao arrebatarlle a alcaldía a un veterano do PP, Yanes Ginzo, e hoxe encara unha nova cita electoral compaxinando as tarefas municipais coas funcións de deputada provincial.

-¿Por que esta importante presenza de mulleres na lista?

-Xa a xunta de goberno local está integrada só por mulleres; hai catro. Fixemos unha lista con mulleres porque á hora de realizar a labor de goberno foron as que máis traballaron. Creo que temos unha capacidade de adaptación e sacrificio maior e obviamente unha persoa soa non é capaz de desenvolver un proxecto transversal, como o que fixemos en Trabada nos últimos catro anos. E para os catro próximos, se os veciños así o deciden, queremos seguir traballando ao mesmo ritmo. E para iso necesitas xente comprometida, que teña ilusión e ganas de traballar, que teña capacidade de sacrificar o seu tempo para traballar para os veciños. Non obstante, teño que dicir que os dous homes que van na lista son moi implicados, un ten unha gandeiría e é socio da cooperativa na que eu estaba. E o outro, ten un supermercado. Son xente que fai a súa vida en Trabada.

-¿Teme que lle fagan reproches polo asunto da paridade?

-Neste proxecto ten cabida todo o mundo, simplemente me rodeei de persoas que intento que sumen, que aporten. Estes últimos catro anos foron moi duros, cunha dedicación moi alta. E, ¿por que tantas mulleres? Hai que rodearse de persoas que estean dispostas a dedicarlle o seu tempo aos veciños. E somos as mulleres as que máis tempo adicamos ao coidado dos fillos, ao coidado dos maiores, as que máis tempo sacrificamos para coidar ao resto. Por iso é unha lista na que hai tantas mulleres.

-¿Fixo moitos cambios nesta lista con respecto á do 2015?

-Repiten sete da lista anterior. Nesta ocasión, o que si quixemos facer foi darlle prioridade á xente que está empadronada en Trabada e que desenvolve aquí a súa vida.

-¿Satisfeita tras este mandato?

-Estou satisfeita de que mantiveramos a poboación. E creo que para iso foron moi importantes medidas fundamentais que axudaron á conciliación laboral e familiar. No colexio teñen un programa de conciliación con actividades de catro a oito da tarde; nas épocas non lectivas, como o Nadal ou o verán, temos campamentos e actividades para nenos; estamos construíndo o punto de atención á infancia e xa hai catro veciños interesados no servizo... A atención ás familias é fundamental para que decidan quedarse aquí, para que manden os nenos ao colexio. Nos últimos anos houbo catorce nacementos, cando tivemos anos dun só ou incluso de nengún. Son medidas que non se van ver a curto prazo, pero que son fundamentais para para cambiar a sensación, para que os veciños se sintan orgullosos do seu pobo... Son medidas que se deben complementar coa mellora e dotación de infraestruturas, pero o principal é darlle servizos á xente para que se quede no rural.

-O 26M só terá como rival ao PP. ¿Como afronta o reto?

-Desde a humildade e coa mesma ilusión que hai oito e que hai catro anos. Só lles vou pedir aos meus veciños que valoren o traballo feito e voume comprometer con eles, sen excluír a ninguén, a seguir traballando.