As cantautoras Celia Pía e Eva Rosado ofrecerán un concerto no Círculo Habanero da Devesa, en Ribadeo, o 15 de maio
RIBADEO
A cita dará comezo ás 20.30 horas e será organizada pola asociación cultural A Tribo da Travesía
05 may 2026 . Actualizado a las 12:25 h.Dúas cantautoras do norte, Celia Pía e Eva Rosado, ofrecerán un concerto no Círculo Habanero da Devesa, en Ribadeo, o próximo 15 de maio, que será venres. A cita será organizada pola asociaicón cultural A Tribo da Travesía e dará comezo ás 20.30 horas. A entrada terá un custo de 10 euros. Eva Rosado, de Castropol, abrirá a actuación con catro temas. Compón desde «unha parte íntima e intuitiva construíndo cancións 'a ratos' cunha guitarra antiga e baixo a crenza de que a música traza pontes e une almas», segundo destacan os organizadores. Logo, Celia Pía acompañada de Xavier Melgar (A Bugina Terráquea) brindará un concerto con temas do seu último disco, titulado «Estado natural», que se pode escoitar en diferentes plataformas. «As súas cancións son reflexo da súa experiencia vital liberando na composición o que lle incomoda a través dunha relación poliamorosa coas artes, pois Celia tamén é pintora», abundan desde A Tribo da Travesía. O colectivo aposta polas creadoras próximas e polos concertos onde se aprenden «novos universos persoais». Despois do concerto haberá tapas caseiras de culler de balde.