Alba María, unha das regueifeiras máis populares de Galicia: «O autor 'anónimo' era un pobo enteiro improvisando e facendo coplas»

Lucía Rey
Lucía Rey RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

<span lang= gl >Alba María, filóloga e profesora de secundaria, é unha das regueifeiras con máis sona de Galicia</span>
Alba María, filóloga e profesora de secundaria, é unha das regueifeiras con máis sona de Galicia PACO RODRÍGUEZ

Este xoves, 31 de outubro, ofrecerá un concerto de improvisación oral no Círculo Habanero da Devesa, en Ribadeo, xunto co uruguaio Wilson El Payador

31 oct 2024 . Actualizado a las 09:46 h.

«Vai ser un concerto de improvisación, non un concerto ó uso. A regueifa é un tipo de improvisación que naceu nas vodas, nos casamentos..., ó principio como un diálogo. Este xoves, no meu caso vou ir eu soa, pero coa dinámica de que participe o público, pedíndolle a palabra ou diferentes estímulos. E a través diso formaremos cancións, falaremos do que nos rodea...». Deste xeito explica a viguesa Alba María (Las Palmas de Gran Canaria, 1995) o que van encontrar os espectadores que este xoves, 31 de outubro, se dean cita no Círculo Habanero da Devesa, en Ribadeo, para asistir ó concerto de improvisación oral no que tamén participará o uruguaio Wilson El Payador. A Asociación Cultural A Tribo da Travesía organiza unha cita que dará comezo ás 20.30 horas (a entrada custa 10 euros) e na que se poñerán en valor este tipo de dialécticas improvisadas en verso entre dúas persoas sobre un tema determinado.

Filóloga e profesora de Lingua Galega no instituto de Porto do Son, Alba María foi unha das primeiras mulleres que se dedicou profesionalmente á regueifa en Galicia. «Levo facéndoa desde os catorce ou quince anos, e profesionalmente dediqueime a ela dos 18 ós 25», subliña. Destaca ademais o que están facendo outras profesionais como Lupe Blanco, Sara Marchena ou Olalla Liñares. «Dos xéneros dialogados hai rexistros desde a Idade Media, e das regueifas hainos desde a época do Barroco, desde o século XVIII máis ou menos, como ritos de reparto do pan de voda», comenta. Destaca que a base das coplas tradicionais «é a improvisación». «O autor 'ánónimo' era un pobo enteiro facendo coplas e improvisando», detalla, e subliña que a maior parte da xente se anima a colaborar en momentos que son únicos. «Pídolles que elixan a súa canción porque nunca máis se vai repetir», engade. 

Alba María ofrecerá regueifas en solitario e logo compartirá escenario con Wilson, a quen coñece desde hai anos e co que leva feito distintas dinámicas. «A regueifa actual ten moito compoñente humorístico, pero tamén reivindicativo de problemas sociais, de sacar á luz violencia que está presente..., e un compoñente lírico moi forte. Eu fago regueifa cun compoñente lírico potente de imaxes..., é poesía oral», conclúe.