O BNG defende a Ría de Ribadeo

Dores Fernández Abel

RIBADEO

PEPA LOSADA

02 dic 2022 . Actualizado a las 13:01 h.

O BNG de Ribadeo ten moi clara a súa vocación integradora e a visión de Ribadeo, así como de toda Galiza, como célula de universalidade. Traballamos arreo para facer do noso concello un lugar de referencia proxectábel ao mundo enteiro, pero sen perder os nosos sinais de identidade. Quen esquece o que é, e como se denominan os lugares, pérdese no anonimato da visión apoucada da globalización. Ben sexa para defender o tecido económico, ben sexa para defender a nosa identidade cultural, sempre loitamos por nos facer ver e mostrar a quen nos visite o noso saber facer e o noso patrimonio, incluídos os nomes dos lugares.

Non é ningunha novidade o desexo por parte de algúns de facer desaparecer o nome da ría de Ribadeo, ben documentado ao longo de séculos: é o nome histórico, científico e tradicional que perdurou ao longo dos anos na cartografía mariña. Nós seguiremos a defendelo alá onde proceda. E a mellor maneira de facelo, a maiores da firme defensa do topónimo tradicional, é non deixándonos levar por unha actitude nominalista, senón dándolle vida á contorna da ria e defendendo con propostas construtivas a súa conservación. Fronte a quen só se acorda da ría para mudar o seu nome, nós seguiremos a transformar, na medida das nosas posibilidades, e no noso ámbito de actuación, a contorna da mesma.

Levamos anos contemplando o desenvolvemento económico e social de Ribadeo de forma inclusiva. Damos acollida, como terra de oportunidades que é, a toda persoa que percibe o noso concello como un lugar onde poñer en marcha os seus proxectos (tanto vitais como empresariais ou asociativos). Son xa case dúas décadas desenvolvendo proxectos que dan vida e dinamizan o concello e a contorna. E seguimos desenvolvendo propostas.

Temos claro que a nosa paisaxe ten que xogar un papel moi importante na posta en marcha de novas ideas. A ría de Ribadeo, que é de todas as xentes que vivimos a unha e outra beira, forma parte substancial deses proxectos. Levamos tempo loitando por sacar adiante o seu saneamento integral, así como a eliminación de especies invasoras para seren substituídas por outras autóctonas. Calquera partido político sensato, e calquera goberno municipal, dunha e outra beira, sabe que esa vía verde entre A Pontenova, San Tirso de Abres, Trabada e Ribadeo pode dinamizar enormemente a nosa actividade económica no eido do turismo.

Todos compartimos esa arela. Pero debemos esixir, desde Galiza á Xunta; desde a comarca eonaviega ao Principado, e todos xuntos ao goberno central, que tanto os gobernos autónomos como o do estado se poñan a colaborar para sacaren adiante esa senda verde.

E para que dita senda verde sexa máis críbel, debemos ter conta, ao mesmo tempo, o seu saneamento. A calidade das augas residuais que verten á ría deixa moito que desexar na súa marxe oriental. Cómpre solucionar o problema destes vertidos, os emisarios rotos ou os alivios. Hainos que están a simple vista cada vez que baixa a marea. A cantidade de bacterias coliformes que están presentes na ría, e que afectan á súa flora e á súa fauna, ten moito que ver con esta desatención por parte do goberno do Principado coa ría de Ribadeo, atención que non lle falta cando se trata de promover debates nominalistas. Co paso do tempo vai quedar a impresión de que para unhas zonas foméntase a inversión, pero para outras, os debates estériles.

Dores Fernández Abel é a responsable local da Ría de Ribadeo