Rías como a de Ribadeo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

RIBADEO

PEPA LOSADA

22 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Instituto Xeográfico Nacional (IXN), nunha resolución contraria á historia, á xeografía e desamañada do sentido común da nomenclatura e da lóxica da convivencia, vén de ditaminar que á ría de Ribadeo tamén se lle vai chamar agora ría do Eo. Unha decisión que desatende documentadas argumentacións e que en vez de fundamentos razoados aporta os votos dunha comisión que atendeu reclamacións feitas dende o Parlamento de Oviedo co empuxe político de quen pensa máis en cismar que en convivir. Por mágoa, dende Galicia, Ribadeo non tivo o apoio que cumpriría por parte das máis altas instancias políticas do país, aínda que si de instancias académicas, culturais e universitarias que emitiron informes moi fundamentados. O asunto é simple: ningunha ría leva o nome dun río. Ata agora.

Todas as rías, como a de Ribadeo, levan o nome dunha vila que adoito é o porto máis importante. Ás veces hai dous, como no caso de Muros e Noia, que rivalizan por dar nome, outras como en Arousa, un topónimo asociado ás principais localidades logra identificar a toda a veciñanza. O nome pónselle dende fóra da ría, porque os ribeiraos en tempos chamáronlle simplemente ría para diferenciala do río e mais do mar. As rías son accidentes naturais, espazos xeográficos ben definidos e moi analizados e debatidos na tradición académica.

A nosa denominación vernácula, ría, responde a un nome que da lingua galega pasou a outras como o inglés, pola precisión para diferenciar o que non é unha baía, un esteiro, unha foz, nin tampouco un fiorde. A diferenza deste que é un antigo val glaciar en forma de u erguido en recentes movementos tectónicos, as rías son vales fluviais en forma de v afundidos (debátese se tamén erguidos). Por esta razón, e porque os nomes das rías foron asentándose ao longo dos últimos cinco séculos en cartas mariñas, nas que mandou moito o almirantado inglés e a cartografía francesa e alemá, a ninguén se lle ocorreu nunca chamar a unha ría polo nome do río, agás ao IXN.