Ribadeo indiano. Galicia americana

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

RIBADEO

MABEL RODRÍGUEZ

12 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

De todas as festas inventadas recentemente en Galicia para gozar ningunha tan popular e tan masiva dende o primeiro ano como o Ribadeo indiano. Nada que envexar a un Arde Lucus que ten a sona do imperio e a forza dunha milenaria capital provincial. De todas as festas relacionadas co pasado poucas tan exitosas como a deste Ribadeo que dialoga co seu pasado americano emigrante vivo. O seu suceso é a proba de como artellar con xeito a relación entre o pasado e o presente, construíndo unha forma de facer historia pública que ademais é popular.

A xente de Ribadeo e bisbarra identificouse dende o primeiro día coa festa porque a idea que se propón celebrar é tan auténtica e popular que está pendurada nas casas en forma de retratos dos avós e as avoas feitos no estudio de Pumariega ou no de Ramón Carrera na habanera rúa O’Reilly, números 63 e 88, respectivamente. Porque nos faios das aldeas aínda se gardan as huchas e as equipaxes que viñero de volta no barco, cos canotiers, os bastóns ou os traxes que luciron alá. Ou exemplares de Bohemia ou de Diario de la Marina. Porque hoxe a xente vive en casas feitas con diñeiro gañado en Buenos Aires ou Montevideo, teñan ou non palmeiras e araucarias no xardín. Porque a emigración da contorna saíu en barco do peirao de Porcillán para facer as Américas.

Tamén pola música, o baile e a canción, que seguen sendo as mellores formas de partillar un lecer masivamente popular. Este ano mandeille á miña prima Daisy de Miami un vídeo da xente bailando no Círculo Habanero da Devesa e ela respondeu de contado: «los veo disfrutando con nuestra música». As pistas de baile do Círculo, que xa celebrou o centenario en 2019, levan máis dun século soportando o desgaste de zapatos que danzan cumbia, guaracha, tango e salsa.

Hai festas que celebran pasados moi lonxanos, outras conmemoran heroes ou actos das elites. A virtude do Ribadeo indiano é que celebra pasados comúns e familiares. Populares porque son de todos e ninguén ten que expropialos nin protagonizalos. Ademais dalle a volta ao tópico da emigración como problema recente ou como antigo drama rosalián, para celebrar o éxito dos retornados. A festa lembra as primeira décadas do século pasado, todos e todas pasean vestidos de branco e coas mellores galas dos bisavós. Tamén hai quen se viste lembrando ao que volveu repatriado porque «lle caeu a maleta ao mar» ou ás moitas mulleres que traballaron de criadas.

Festa e cultura, ocio e negocio, casan ben nesta festa que organizan o concello, os comerciantes e un feixe de entidades e sociedades locais, cun asesoramento silandeiro do Consello da Cultura e das colegas de Historia de América da Universidade de Santiago. O resultado nótase. Por Ribadeo tamén pasa o camiño de Santiago, pero non lles chegaba e viñeron demostrar que o monocultivo empobrece e a pluralidade enriquece. Outro día contaremos porque foi o Ribadeo habanero o que inventou esta festa hai nove anos. Podía terse pensado na Sada da Terraza, no Vigo ou no Verín de García Barbón ou no Betanzos dos García Naveira. Genius loci.