As Pedras da Memoria; resposta do Concello de Ribadeo ao familiar agraviado coa homenaxe

FERNANDO SUÁREZ BARCIA

RIBADEO

PEPA LOSADA

14 abr 2022 . Actualizado a las 22:46 h.

Vemos con sorpresa e decepción a nota enviada a este medio de comunicación por un, segundo di, familiar dunha das persoas homenaxeadas hai poucos días coa colocación dun lastro diante da casa onde el viviu antes de ser executado polos golpistas sublevados contra a lexítima orde constitucional en xullo de 1936. Na súa misiva, esta persoa que se identifica coas iniciais, F.G.B., indica que ninguén lle pediu permiso para esta homenaxe. A este respecto, queremos desde o Concello de Ribadeo, organizador deste humilde e lexítimo acto de reparación e xustiza manifestar o seguinte:

A iniciativa que levou adiante o Concello de Ribadeo coa colocación de varios lastros por diversas rúas e espazos públicos gravados cos nomes de persoas paseadas, fusiladas ou asasinadas polo réxime franquista, empregou os datos que desde hai anos figuran en rexistros públicos accesíbeis a quen quixer como pode ser o portal www.nomesevoces.net. Ademais, os actos que se celebraron no marco deste proxecto Pedras da Memoria, realizáronse co mais escrupuloso respecto pola legalidade vixente en xeral e coa protección do dereito á honra, á intimidade e á propia imaxe en particular, polo que non esixen consentimentos de terceiros familiares para lembrar a estas persoas dende o respecto e o agarimo.

Debemos corrixir ao relator do artigo publicado no senso de que a historia que se conta, entre outras, é a historia de José Bellón contada pola súa neta. Cóntase ademais, como a inxusta morte do seu irmán executado no ano 1936, Fernando Bellón, repercutiu na súa vida e na súa familia. Tamén se inclúe a imaxe e referencias de Fernando Bellón que aportou a mesma persoa, neste caso, sobriña neta. Esta mesma fotografía forma parte da exposición permanente que desde hai anos se exhibe publicamente no Vello Cárcere Lugo.

Compartimos con el que se trata de sucesos dolorosos para parte da súa familia, e para parte da memoria colectiva, pero non se está a vulnerar ningún dereito do falecido. De feito, cóntase un feito real, desde o respecto e o dereito ao non esquecemento para que acontecementos coma este non se repitan, pero sobre todo dende o respecto aos «esquecidos», con fins culturais e educativos, polo tanto sen interferencias na intimidade e honorabilidade do personaxe.

Dende o Concello poñémonos no lugar das vítimas, entendemos as manifestacións vertidas dende a dor, non obstante non podemos permitir comparacións, dun actuar ditatorial, ilegal, e contra dereito duns militares golpistas daquela época coa actuación hoxe dun goberno municipal absolutamente respectuoso coa legalidade e os dereitos individuais, aínda que sen perder de vista o interese xeral. Cómpre destacar igualmente que a proposta impulsada polo goberno municipal contou co apoio unánime de todos os grupos municipais da Corporación.

Se algunha inxustiza houbo neste, coma no resto dos casos, foi a do esquecemento e o silenciamento durante todos estes anos. Desde o Concello estivemos a traballar con honestidade na recuperación da memoria histórica xunto coa Fundación alemá Stolpersteine para a gravación destas pedras cos datos destas 40 persoas. Como ben cita o artista alemán Gunter Demnig inspirador desta Fundación e que nos honrou coa súa presenza en Ribadeo colocando vinte e catro delas no Parque de San Francisco: unha persoa é esquecida cando o seu nome é esquecido.

Pois en Ribadeo, estas persoas, nunca máis serán esquecidas. E isto é algo do que estamos particular e democraticamente orgullosos.

Fernando Suárez Barcia é alcalde do Concello de Ribadeo.