O Goberno anima a pedir en Ribadeo 607.000 euros para rehabilitar vivendas

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

CEDIDA

Isabel Rodríguez destacou as axudas para o casco da vila e para Rinlo

08 ene 2022 . Actualizado a las 22:30 h.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou este venres ós veciños de Ribadeo a acollerse a algunha das liñas de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas que financia o Goberno con fondos do Plan de Recuperación, e que neste municipio mariñán acadarán os 607.000 euros no período 2022-2024. A partida axudará a rehabilitar 26 vivendas para as que o Goberno achegará case 300.000 euros, o Concello algo máis de 231.000 e a Xunta de Galicia algo máis de 7.000 euros.

Rodríguez visitou onte Ribadeo acompañada polo alcalde, Fernando Suárez, e recordou que o Executivo apoia a rehabilitación do parque de vivendas e espazos públicos con novas axudas, tal como recollen os convenios recentemente firmados co Concello para as áreas de rexeneración e renovación urbana do Casco histórico da vila de Ribadeo e o núcleo de Rinlo. En detalle, deses 607.000 euros, na Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco histórico da vila de Ribadeo as axudas suman 407.256 para a rehabilitación de 18 vivendas. No caso da Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Núcleo de Rinlo, a dotación das axudas ascende a 200.596 euros para a reforma de 8 vivendas.