Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Sobre a visita da conselleira de Política Social a Ribadeo

FERNÁNDEO SUÁREZ BARCIA ALCALDE DE RIBADEO

RIBADEO

PEPA LOSADA

27 nov 2021 . Actualizado a las 21:48 h.

Sempre somos máis partidarios desde o goberno de Ribadeo de facer cousas, de propoñer iniciativas que de andar á lea con mingurrias ou tirapuxas máis propias de quen se enreda en fatadiñas estériles. De feito, hai moitas veces que nin entramos ao trapo de criticar actitudes do hiperventilado voceiro do partido da oposición cando nos critica, as máis delas, inxustamente. En todo caso, tendo en conta a nosa experiencia co profesional do botafumeiro que temos enfronte, xa vamos vendo que todo acaba como acaba o incenso nas misas: en fume.

Mais desta volta, si que quero expresar a nosa sorpresa por ver como a Conselleira de Política Social, Fabiola García, estivo onte de visita na Gardería de Ribadeo para supervisar unhas obriñas que fixo o seu departamento e non tivo a consideración de cortesía institucional, como sempre se ten feito, de avisar ao alcalde do pobo. Descoñezo se é por medo, se é por desprezo ou por outro motivo.

Realmente se o decidiu ela mesma, pois que decepción. Se foron os seus asesores quen a aconsellaron, pois que inmadurez e que falta de lealdade institucional. Aínda que non nos une amizade, no tempo que a coñezo, pareceume unha persoa afable, dialogante e con un respecto institucional moi loable. É de estrañar que estando na Gardería para ver unhas obriñas que fixeron, non avisase ao Alcalde ou ao goberno municipal, que está 50 metros máis arriba, na Casa do Concello. Sempre poderiamos ter sacado un bocado do noso tempo en achegármonos a saudala, a ver que obriñas fixeron nesa gardería da Xunta, e de paso preguntarlle canto diñeiro ten consignado no Orzamento da Xunta do ano que vén para a importante rehabilitación que temos que facer no Hospital-Asilo de San Sebastián e San Lázaro, pois estas son tamén áreas da súa Consellaría.