Ribadeo terá unha pista multideporte para paliar a débeda coa mocidade

Ramón González Rey VIVEIRO LA VOZ

RIBADEO

O goberno local ribadense e a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, na presentación do proxecto
O goberno local ribadense e a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, na presentación do proxecto XAIME RAMALLAL

A Deputación porá 360.000 euros para a instalación e o Concello 40.000

03 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribadeo e a área de Deportes da Deputación de Lugo asinarán un convenio bianual por importe de 400.000 euros para a construción dunha pista multideporte na vila, unha instalación coa que goberno local e mailo provincial pretenden solventar a «carencia» de lugares públicos de ocio para a mocidade neste municipio.

A Deputación achegará 360.000 dos 400.000 euros que custará a construción, mentres que o restante investimento correrá a cargo do executivo municipal. O conxunto incluirá unha pista multideporte que permitirá a práctica do fútbol, do baloncesto e do voleibol, outra de skate e máis un circuíto de calistenia. «E todo isto complementado con dotacións para estar sentados, de tertulia, rodeados de árbores e con iluminación», concreta o goberno local.

Segundo concretou o executivo ribadense, o espazo de ocio ubicarase na mazá interior de titularidade municipal que está entre a Avenida de Galicia, a rúa Pintor Fierros e a vía Daniel Cortezón.