Presentacións e teatro hoxe na feira do libro de Ribadeo

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSE PARDO

Continúa no parque ribadense a cita cultural na ponte festiva

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe continúa celebrándose en Ribadeo a sétima edición da feira do libro de Ribadeo, «Letras no Campo», que organiza o Concello. Onte, nunha xornada caracterizada pola choiva, proseguiron as presentacións e as actividades lúdicas no marco do parque de San Francisco -onde están as seis casetas participantes- e hoxe hai varias citas sinaladas no programa. Así, ás 12.00 horas presentarase a novela gráfica de Ana Moreiras Madia leva. Media hora despois, a feira recibirá a visita dramatizada de Rosalía de Castro e Manuel Soto e Freire. Ás seis da tarde, Aurora Marco presentará o ensaio centrado nas mulleres do Seminario de Estudos Galegos e de Irmandades da Fala, Irmandiñas, e a continuación (18.45 horas) Yolanda Castaño falará da biografía que fixo de Xela Arias, Xela quixo ser ela. A compañía Os Quinquilláns poñerá o remate á xornada, coa representación de A pluma viva de Rosalía, as oito da tarde no auditorio. A feira do libro ribadense rematará mañá luns, no Día das Letras Galegas.