«Somos moitas mulleres compositoras na música pero non se fala de nós»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia RIBADEO/LA VOZ

RIBADEO

CEDIDA

A ribadense Carme Rodríguez vén de gañar o primeiro premio e o do público no Concurso Internacional María de Pablos

16 sep 2020 . Actualizado a las 21:34 h.

Con residencia xa establecida en Madrid, ainda que este verán fixo unha agardada escapada ao seu preciado Ribadeo, Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996) ten razóns máis que sobradas para sentirse satisfeita coa súa bagaxe musical, froito da mestura de tesón e talento e da teima particular por visibilizar a composición musical en feminino. Vén de gañar con rotundidade o Internacional María de Pablos en Segovia, concurso que leva o nome dunha artista que admira: «Intenta reivindicar a súa figura. Foi unha muller que por estar nun mundo masculino non puido desenrolar a súa carreira en igualdade de condicións».

—O ano pasado, no mesmo certame, quedara en segundo lugar.

—Si, quixen volver a probar e esta vez foi acadar o máximo posible. Así que... eu encantada!

—Que relevancia lle concede?

—A través da figura de María de Pablos, este concurso internacional intenta dar visibilidade ás mulleres compositoras.

—Certo, non se ven tanto.

—Si, e somos moitas. O que pasa é que non se fala de nós ou non cremos que se teña que falar de nós e non acabamos de ocupar os espazos que nos pertencen. É todo moi complicado. Obedece a uha organización mndial de como funciona isto, igual que noutros ámbitos, como a ciencia. É complicado ensinarlles ás novas xeracións que esixan eses novos espazos que lles pertencen, pero hai que aprender a esixilos e ir en conta de todo para ocupalos. En Galicia hai máis compositoras.

Carme Rodríguez, no centro, recibindo os dos premios do Concurso Internacional María de Pablos convocado pola Fundación Don Juan de Borbón e Ayuntamiento de Segovia, a pasada fin de semana
Carme Rodríguez, no centro, recibindo os dos premios do Concurso Internacional María de Pablos convocado pola Fundación Don Juan de Borbón e Ayuntamiento de Segovia, a pasada fin de semana

—Despos de recibir este premio, en que máis proxectos anda?

—Agora estou con dous proxectos de curtametraxes e imos empezar pronto coa nova edición do programa «Prodigios» (TVE). Formo parte do equipo de orquestadores e arreglistas que prepara as partituras. O programa grábase coa Orquesta de Castilla y León, en directo. A terceira edición xa está confirmada. En situación normal, xa estaría rodada. Imos empezar a traballar. E, para máis adiante, teño un encargo coa Sinfónica de Galicia.

—O 2020, ainda que nos veu moi estrano, é de luxo para vostede!

—O meu traballo é intentar estar en todos os sitios e facer as cousas pola miña conta, non esperar a que me caian do ceo, presentándome a concursos, obrigándome a min mesma a compoñer e a seguir aprendendo... Creo que puiden seguir o camiño que levaba dende o ano pasado. Cando me metín nisto e decidín que quería ser compositora, decidino con todas as da lei e con todos os sacrificios que sabía que ía ter que facer, dende os primeiros anos metendo a cabeza en todos os sitios e facendo cousas por min mesma e intentando que eses momentos de inseguridade, que son moitísimos, non me afectasen ao meu traballo.

A súa obra galardoada en Segovia, Ánimas, explica finalmente, é unha composición para piano e clarinete baseada nun dos seus cadros favoritos, Un mundo, de Ángeles Santos (no Museo Reina Sofía): «É un cadro incrible».